cigonha.jpgAs areeiras, explotacións mineiras de extracción de area, situadas nos concellos de Sandiás e Vilar de Santos (ambolosdous na comarca ourensá da Limia) constitúen un espazo natural de grande importancia para as aves acuáticas. Así o pudieron constatar membros de Verdegaia que realizaron un censo de aves acuáticas invernantes neste lugar nos pasados días cun total de case un milleiro de aves das diferentes especies. 

Censáronse 6 cegoñas brancas (Ciconia ciconia), 10 garzas reais (Ardea cinerea), 5 garzotas (Egretta garzetta), 102 corvos mariños reais (Phalacrocorax carbo), un somorgullo cristado (Podiceps cristatus), 4 fonduchos (Tachybaptus ruficollis), 580 alavancos reais (Anas platyrhynchos), 14 patos asubións (Anas penelope), 41 culleretes (Anas clypeata), 201 charnecos (Anas crecca) e 3 picapeixes (Alcedo atthis), cun total de case un milleiro de aves das diferentes especies citadas, algunhas incluídas no Anexo I da Directiva 79/409/CEE como a garzota ou a cegoña branca (que ten neste lugar un dos escasos espazos naturais de invernada regular en Galicia), Directiva tamén coñecida como Directiva Aves e que ten por obxeto a protección das aves silvestres da Unión Europea.

Ademais, as areeiras e a súa contorna albergan, a parte desta importante comunidade de aves acuáticas invernantes, a zona de cría doutras moitas especies entre as que se atopan algunhas tamén incluídas no Anexo I da citada Directiva. Entre estas especies están a xa citada cegoña branca (Ciconia ciconia), a garza pequena (Ixobrychus minutus) que só conta con seis núcleos de nidificación en Galicia, a folosa grande (Acrocephalus arundinaceus) especie que se reproduce en número reducido en Galicia, entre outras.

No tocante ás aves migratorias de chegada regular, especies que tamén son obxeto de protección pola Directiva 79/409/CEE, atopamos os xa citados anteriormente alavanco real, (Anas platyrhynchos), o cullerete (Anas clypeata), o charneco (Anas crecca) ou a garza real (Ardea cinerea); neste punto tamén cómpre resaltar a presenza ocasional doutras especies tamén incluídas dentro da Directiva e moi escasas en Galicia tais coma a Gaivina de cara branca (Chlidonias hybridus), a pernalonga (Himantopus himantopus), a garza vermella (Ardea purpurea), entre outras.

En total, entre as aves invernantes, as aves reproductoras e as que se observan regularmente nos pasos migratorios pre e posnupcial, as areeiras de Sandiás e Vilar de Santos albergan perto de corenta especies incluídas no Anexo I da Directiva Aves, feito polo cal Verdegaia opta porque este espazo natural sexa incluido na ZEPA “A Limia” como está a defender na mesa de traballo para chegar a unha solución de consenso para esta ZEPA.