Verdegaia apoia as reclamacións das áreas mariñas protexidas “Os Miñarzos” e “Ría de Cedeira” ante a finalización do contrato de vixilancia da xunta de Galicia sen que exista vontade de continuar con este labor inexcusable.
O pasado 30 de abril finaliza o contrato e a pesar da preocupación expresada ante a Xunta de Galicia, non se ve un compromiso claro de conservar os valores naturais destas áreas, esenciais para a rexeneración dos recursos pesqueiros e para manter a actividade sostible e respectuosa co medio.
Por este motivo, desde Verdegaia enviámoslle á Consellería do Mar esta carta:
Ribeira, 30 de abril de 2012
ASUNTO: FALTA DE VIXILANCIA NAS RESERVAS MARIÑAS DA “RIA DE CEDEIRA” E “OS MIÑARZOS”
Estimada Sra. Conselleira do Mar,
Con esta carta a Verdegaia quere expresar a súa preocupación sobre o futuro das Reservas Mariñas de Interese Pesqueiro de “Os Miñarzos” e “Ría de Cedeira”.
Somos coñecedores de que o día 30 de abril do presente ano, finalizará o contrato do servizo de vixilancia das Reservas Mariñas de Interese Pesqueiro “Os Miñarzos” e “Ría de Cedeira” e de que non hai un compromiso claro por parte da Consellería de Medio Rural e do Mar que garanta a continuidade destes servizos.
Estas reservas naceron co obxectivo de protexer e favorecer a rexeneración dos recursos pesqueiros, de impulsar a pesca, o desenvolvemento sostible, de conservar a flora e a fauna do medio mariño e a súa biodiversidade. Consideramos que de non garantirse un control e vixilancia porase en perigo o traballo e os esforzos realizados nos últimos anos por estes pescadores, e podería volverse a un estado de sobreexplotación moi pronto.
Foi iniciativa dos pescadores artesanais o feito de impulsar a creación de ambas Reservas Mariñas de Interese Pesqueiro. Eles reivindicaron o seu traballo,e velaron pola sustentabilidade dos seus recursos. A súa corresponsabilidade, xunto ao desempeño dun Órgano de Coxestión (paritario entre membros do sector pesqueiro e a administración), situou a ambas RMdIP en Galicia como modelos de referencia internacional[1] que están totalmente aliñados coas esixencias de todos os convenios, plans de acción e directrices internacionais sobre a conservación, sustentabilidade do mar e da pesca responsable. Por este motivo, rogamos á Consellería de Medio Rural e do Mar adopte un compromiso firme que garanta un servizo de control e vixilancia.
Atentamente,
[1] Véxase UNEP Technical Report “Governing Marine Protected Areas: Getting the Balance Right”,
Vol. 2, Pages 147-155, http://www.mpag.info/mpag-final-technical-report-vol2.pdf
-Véxase OCEAN2012, Technical Report “Environmental and Social Criteria for Allocating Access to Fisheries Resources” December 2009. Pages 36 to 40 http://assets.ocean2012.eu/publication_documents/documents/3/original/Environmental_and_social_criteria_for_allocating_access_to_fisheries_resources.pdf