O Pleno do Concello de Boqueixón celebrado no serán de 9 de Xuño, aprobou co voto favorábel de todos os grupos municipais a moción de compra pública responsábel presentada polas asociacións Amarante e Verdegaia no contexto dunha campaña conxunta destas dúas entidades de ámbito galego iniciada no 2009. Así, Boqueixón únese aos concellos de Ribadeo, Boiro,Teo e Ferrol asumindo publicamente o seu compromiso coa compra pública responsábel.

Entre o 16 e o 18% do PIB da UE é gasto público, un uso do diñeiro da cidadanía que debe ser ben administrado e que non é social e ambientalmente neutral. A compra pública pode ser unha ferramenta de transformación social moi importante. A compra pública responsábel supón mercar e contratar só o necesario e facelo ademais seguindo criterios éticos, sociais e ambientais: respeito das convencións da OIT, os direitos humanos e laborais e os principios do comercio xusto, priorización da economía social e local e procura da máxima sustentabilidade ambiental. Deste modo, as Administracións Públicas poden virar unha importante fonte xeradora de sustentabilidade ambiental, xustiza social e desenvolvemento local.

Ao aprobar esta moción, o Concello de Boqueixón comprométese a integrar os principios da Compra Pública Responsábel nas súas compras e contratacións e, para isto, formar ao persoal administrativo encarregado destes labores e participar na futura Rede Galega de Compra Pública Responsábel.