A Coordenadora ConBici, da que forma parte Verdegaia, participou na elaboración da Estratexia Estatal pola Bicicleta realizada polo Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) e aprobada polo Consello de Ministros o 8 de xuño. Esta estratexia responde aos compromisos adquiridos coas organizacións de promoción do ciclismo para que o transporte activo gañe terreno ao vehículo privado, o que fai necesario reconfigurar os modelos de cidade e apostar por unha cidade accesíbel para as persoas.

Procurase incrementar o papel da mobilidade activa na sociedade impulsando este modo de transporte en todos os niveis e o cambio cultural necesario para o fomento do uso da bicicleta.

A visión da Estratexia contempla un futuro mellor para a sociedade grazas a unha maior presenza da bicicleta a través destas áreas temáticas:

  • O impulso da mobilidade sustentábel a través do aumento da súa cuota modal en detrimento do uso de vehículos a motor.
  • Mellora da calidade de vida polo aumento da mobilidade activa
  • A diminución dos accidentes de tráfico e a súa gravidade.
  • A mellora da calidade do aire.
  • Maior protagonismo de opcións de lecer e turismo activos, tanto urbanas, como rurais ou na natureza.
  • Avance na igualdade de xénero, garantindo unha mobilidade menos dependente economicamente e máis flexíbel, permitindo así unha maior liberdade, independencia e empoderamento.
  • Maior autonomía para a infancia, a adolescencia e as persoas de idade avanzada, ao ofrecer a posibilidade dunha mobilidade autónoma.
  • Cidades máis amábeis e pacíficas, con tráfico calmado que favoreza a seguranza dos colectivos máis vulnerábeis.
  • A posta en valor do patrimonio cultural e histórico a través dunha oferta de cicloturismo de calidade.
  • A contribución ao impulso da economía local a través do comercio especializado e do cicloturismo, ademais de aproveitar o potencial da “cicloloxística”.
  • Maior dinamismo do sector da bicicleta e da súa cadea de valor, con un maior crecemento da industria, os servizos e as marcas estatais, creando máis emprego especializado.
  • A contribución a unha economía baixa en carbono, con menor gasto enerxético, menos emisións, e máis produtiva.

Sinala tamén os beneficios asociados ao incremento do uso da bicicleta que fan interesante e necesario o apoio de diversas políticas públicas e que, desde o movimento ecoloxista e desde as organización de defensa e promoción do uso da bicicleta, levamos anos reivindicando:

  • Saúde: aumento da actividade física mellora a saúde física e mental, incrementa a esperanza e a calidade de vida, reduce o sedentarismo e o risco de padecer doenzas crónicas. O uso da bicicleta como vehículo para a mobilidade nas cidades xera un beneficio directo para a saúde, segundo o estudo The UE Cycling Economy, estimado en 52.000 millóns de euros, equivalente ao gasto sanitario anual de España.
  • Mobilidade: reduce a conxestión e o estrese do tráfico, mellora a seguranza vial no seu conxunto e mellora a intermodalidade. A bicicleta é un modo de transporte áxil e eficaz para distancias de até 10‐15 km, presentando tempos de viaxe máis competitivos que outros modos. Ademais, consume menos espazo na vía pública, permitindo gañar espazo peonal.
  • Economía: xera emprego e investimentos, favorece a economía local e rural, crea tecido tecnolóxico e industrial, contribúe á redución do gasto sanitario. O impulso do uso da bicicleta favorece o desenvolvemento do sector (fabricación e venda de bicicletas), mais tamén colabora na potenciación de outros sectores como o turismo, a hostalaría, a loxística urbana, etc. O cicloturismo axuda a desestacionalizar o turismo e a promover económica e socialmente territorios con menor demanda de actividade turística.
  • Ambiente: non produce ruídos, no xera emisión de gases ou partículas e contribúe ao aforro enerxético. Estímase que na Unión Europea o uso regular da bicicleta contribúe con 90.000 millóns de euros polo aforro de emisións de gases (The UE Cycling Economy).
  • Equidade: a bicicleta contribúe a avanzar cara unha sociedade máis equitativa, facilitando o dereito á mobilidade de todas as persoas e o acceso a bens e servizos. É un elemento fundamental para lograr entornos máis amábeis.

Desde Verdegaia celebramos a aprobación da Estratexia estatal pola bicicleta, como un primeiro paso cara a unha mobilidade máis segura, saudable, sustentable e equitativa. Agora cómpre dar vida a este marco xeral, e demandamos de concellos, deputacións, e Xunta de Galicia o cumprimento das recomendacións e disposicións recollidas na Estratexia. Tamén convidamos a cidadáns, empresas e entidades a formar parte da transformación.

Esforzo colectivo de ConBici:

ConBici recoñece que é un momento histórico, xa a propia coordinadora foi promotora e determinante na realización desta estratexia. Desde 2004 coa elaboración do relatorio Bases para una estrategia estatal de la bicicleta, en 2014 coa elaboración das Directrices para un Plan Estratégico de la Bicicleta junto a la Mesa Española de la Bicicleta.

Estratexia estatal pola bicicleta:

Web: https://esmovilidad.mitma.es/estrategia-estatal-por-la-bicicleta

Documento completo da Estratexia: https://cdn.mitma.gob.es/portal-web-drupal/esmovilidad/estrategias/recursos/210608_estrategia_estatal_por_la_bicicleta_(eexb)_070621.pdf