rumboagaza.jpgA misión de Verdegaia é —ademais de contribuír desde Galiza para a defensa do ambiente e a sustentable ecolóxica— o avanzo na transformación social e mundial en termos xustiza social e paz.Defender un mundo no que podermos convivir en paz —pobos, culturas, humanos e non-humanos, de hoxe e de mañá—, supón defender a biodiversidade, mais tamén a non menos ameazada diversidade cultural e lingüística.

Os dereitos do Pobo Palestino foron recoñecidos internacionalmente, mais este pobo ten sido asoballado dende mediados do pasado século polo estado de Israel que está a vulnerar reiteradamente os dereitos humanos das persoas palestinas e de toda aquela que trate de apoialo.

Verdegaia entende a paz como ausencia de violencia directa, estrutural e cultural e acreditamos na propia paz como camiño, na non-violencia como medio para superar as diferentes violencias. Para construír un mundo no que realmente podermos convivir en paz, cumpre non só estender os valores da cultura de paz, é tamén imprescindíbel avanzar en termos de xustiza social e defender os Dereitos Humanos e dos Pobos.

A Franxa de Gaza é un territorio de 360 Km2 que acolleu gran parte dos refuxiados palestinos expulsados das súas terras desde novembro de 1947. Isto modificou completamente a súa estrutura demográfica, e hoxe é un dos territorios do mundo con máis densidade de poboación. Neste territorio viven actualmente 1,5 millóns de persoas palestinas, sometidas a un réxime de apartheid no que puidera parecer unha grande cárcere, da que non se lles permite entrar e saír, nin recibir equipamentos nin subministracións básicas.

Entre decembro de 2008 e xaneiro de 2009 Israel asasinou a 1.500 civís (entre eles 400 nenos). No ataque esnaquizaron tamén edificios, negocios, etc. Entre estes ataques á súa poboación e aos seus medios de vida, e o illamento mediante o control das fronteiras por terra, mar e aire, o pobo palestino está a verse abocado ao paro, á crise económica e a destrución dos seus sistemas produtivos e incluso á escaseza de subministros alimentarios e sanitarios á poboación.

Ante a pasividade dos gobernos occidentais perante esta situación extrema, cremos que é necesario que unha cidadanía empática e solidaria, baseándose en principios e valores pacifistas tome a iniciativa para denunciar a situación e forzar aos gobernos na toma de medidas. Neste senso apoiamos os métodos e obxectivos da Segunda Flotilla da Liberdade “Rumbo a Gaza”, e queremos facelo constar así.

Agardamos que con esta acción da segunda flotilla da liberdade os nosos gobernos tomen as medidas necesarias para garantir o cumprimento da lexislación internacional, sexa levantado o bloqueo a Gaza, e comecen a sentarse os alicerces para construír unha paz duradeira na zona.