salmon.jpgVerdegaia apoia a mobilización das traballadoras e traballadores do mar e de todas as persoas sensibles co ambiente preocupadas pola instalación de gaiolas de salmón na costa galega. A instalación prevista de dous proxectos experimentais de cría de salmón en gaiolas na Ría de Muros Noia é unha ameaza máis a un ecosistema particularmente rico e que xa soporta suficientes afeccións.

Hai centos de estudos científicos que proban que a salmonicultura afecta gravemente ao medio mariño e á economía e as condicións sociais e laborais das persoas que viven nas áreas de influencia desta industria. Entre outros podemos destacar os seguintes problemas:

  • O salmón é un peixe carnívoro polo que a súa alimentación baséase en fariñas e aceites de peixe polo menos nun 60%. Estes pensos elabóranse con peixes de pouco valor comercial, que non biolóxico e adoitan pescarse nos caladoiros dos países máis empobrecidos, como os do litoral africano, afectando directamente aos recursos pesqueiros dispoñibeis para a poboación e a súa soberanía alimentar. Este tipo de pesca inclúe tamén grandes cantidades de inmaturos doutras especies, agravando a sobreexplotación do mar no lugar de reducila, como afirman os adaís da acuicultura. Aínda que North West Food s.l. (NWF), empresa promotora das gaiolas, afirma que a taxa de conversión (kg de peixe en penso precisos para producir un kg de salmón) é de 1,2, estudos realizados en Chile (unha das maiores potencias en salmonicultura) sinalan que se sitúa entre 2,9 e 4,2 kg por quilo de salmón1

  • As granxas de salmón son concentracións de grandes poboacións de peixe que facilitan a propagación de parasitos, como o piollo de mar, que infectan aos salmónidos salvaxes e que están a poñer en perigo a súa supervivencia. O escape de salmóns convértese tamén nunha ameaza sobre estes salmónidos salvaxes, poñendo en perigo a súa selección natural e contribuíndo á transmisión de enfermidades e parasitos2.

  • O uso de químicos e antibióticos supón un serio risco para a saúde e o ambiente, en primeiro lugar porque o uso sistemático crea cepas bacterianas resistentes, e en segundo pola acumulación nas vísceras dos propios peixes. Podendo chegar a facelos non aptos para o consumo

  • A inmensa cantidade de refugallos que xera o alimento non inxerido, os residuos fecais dos peixes e a súa sangue e vísceras, e o precario manexo sanitario que favorece o aumento de enfermidades e a súa propagación, afectando aos ecosistemas mariños. Así, tal como recoñece North West Food S.L en torno ao 10% do penso administrado aos peixes non é inxerido, pasando ao medio. Mais este dato hai que contemplalo dende a óptica dos elementos que chegan ao medio mariño a través da comida, excrecións dos peixes e respiración que son en torno ao 85 % do fósforo, 80 % do carbono e 52 % do nitróxeno introducido nas gaiolas

  • As consecuencias da explosiva expansión da salmonicultura en termos socio-laborais son motivo de crecentes conflitos polo uso do territorio con outros actores locais (como o uso recreativo do mar, a pesca artesanal e o marisqueo). Neste aspecto o balanzo é negativo, e moito máis se abrimos a ollada globalmente e vemos a incidencia que a pesca intensiva para producir fariñas de peixe ten sobre poboacións desfavorecidas do continente africano.

Esta reiteración no apoio á acuicultura industrial por parte da Xunta de Galicia non ten en conta ningún dos factores que aconsellan freala e reorientar o sector cara especies, dimensións e métodos de produción máis sustentábeis fai parte dunha estratexia de maior calado. A administración teima en facer do noso litoral un couto privado para as grandes empresas do ramo, sen respectar tan sequera a legalidade vixente, de por si bastante cativa, no canto ás figuras de protección ambiental hoxe en día establecidas no noso territorio. Velaí, xa que logo, o novo Plano de acuicultura que ven de comenzar a súa andaina administrativa camiño da súa aprobación e os reiterados anuncios por parte da Consellaría do Mar sobre a recuperacións do proxecto de macropiscifactoría en Cabo Touriñán, espazo LIC protexido dentro da Rede Natura.

Mais esta teimuda reiteración a prol da acuicultura ven acompañada de medidas e desleixos que condenan ao abandono as poucas iniciativas novidosas e sustentábeis xurdidas dende o propio mundo da pesca de baixura como son as reservas Mariñas de Lira e Cedeira. Non se entende que uns proxectos que teñen amosado no tempo a súa eficacia, que supoñen manter unha fonte de ingresos estábeis e con futuro para moitas familias, se vexan camiño da desaparición polo desleixo da administración galega, namentres envorca millóns de euros en subvencionar a instalación de empresas acuícolas no territorio, cuns réditos de emprego realmente pequenos e cun impacto ambiental moi importante.

Aplicar todos estes orzamentos en promover e apoiar unha explotación e xestión sustentábel dos recursos mariños mediante o apoio a prácticas e proxectos que realmente creen emprego no litoral, que permitan un uso racional deste imprescindíbel recurso, sen sobreexplotación, respectando ciclos e cotas e cunha aposta forte pola conservación e recuperación terían maiores réditos e unha maior incidencia positiva na poboación do litoral e no conxunto da cidadanía.

________________

1Salmón tipo Piraña: Tasa de conversión en la industria salmonera chilena . Análisis de Políticas Pública. Nº 36 2006

2A salmonicultura supón un problema engadido á conservación do salmón salvaxe galego, que Verdegaia ven denunciado dende fai tempo: http://www.verdegaia.org/content/view/1181/82/

Foto: Flickr/Kenneth Hong