O Anteproxecto de Lei do Clima de Galicia carece de concreción e medidas para combater a emerxencia climática. Verdegaia demanda máis rigor, que se aborde a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, a protección dos sumidoiros naturais de carbono e unha maior participación cidadá.

Este verán observamos como as mudanzas climáticas volven causar impactos nos ecosistemas, na economía e na saúde un pouco por toda Europa:

  • os fenómenos extremos, como vagas de calor, secas e precipitacións intensas, aumentan en frecuencia e intensidade en moitas rexións;
  • os padróns de precipitación están mudando, tornando as rexións húmidas da Europa máis húmidas e as rexións secas máis secas;
  • alcánzanse novos récords de temperaturas globais e europeas;
  • novo récord de redución do xeo mariño no Ártico;
  • o volume dos glaciares e a cuberta de neve seguen diminuíndo.

Os últimos relatorios do IPCC e do IPBES reforzan a urxencia de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e protexer a biodiversidade. En 2019, Alemaña, Francia, Italia, Polonia e España foron os principais emisores de gases de efecto invernadoiro (GEI) na UE, sendo Galicia un dos territorios que mais contribuíu.

Por todo iso urxe tomar medidas para recuperar os niveis normais de gases de efecto invernadoiro na atmosfera, pero a exposición pública do Anteproxecto de lei do clima de Galicia, que busca trasladar os acordos asumidos internacionalmente á lexislación galega, mostra unha notoria falta de interese por parte do Goberno galego:

  • non aborda todas as cuestións relevantes da emerxencia climática, por exemplo as emisións de metano e óxido nitroso nin sequera son mencionadas;
  • non cumpre cun mínimo no aspecto formal antes de presentarse ao público, estando cheo de erros ortográficos, palabras mal traducidas do castelán (ou non traducidas), e mesmo citas incorrectas;
  • contén unha verborrea sen sentido aparente, buscando a imprecisión para reducir as esixencias da lexislación española e europea. Así, por exemplo, a definición de neutralidade climática no Anteproxecto difire da establecida no Regulamento (UE) 2021/1119 do Parlamento Europeo; falta de concreción, con meras referencias xenéricas sobre a descarbonización da economía, e sen medidas específicas nin prazos.

Sectores chave

O texto comeza cunha intención evasiva do cumprimento da lexislación comunitaria e estatal en materia de cambio climático mediante a falta de concreción no rexistro da pegada de carbono. Cremos que a redución da pegada de carbono no sector público debe ser un obxectivo primario, debido ao papel exemplar que debe xogar a administración.

Pero as eivas non se limitan ao sector público. A imprecisión nos obxectivos relacionados coa construción de vivendas son preocupantes, sendo un sector altamente contaminante. Tampouco recolle medidas para desincentivar a mobilidade en carros privados, cando debería contemplar a redución das necesidades de mobilidade e a promoción dos medios de transporte con baixo impacto ambiental, así como unha moratoria á construción de novas infraestruturas viarias e paralización das ampliacións en curso, mentres non se acade o obxectivo de neutralidade climática.

Tampouco se menciona o fomento dos sumidoiros naturais de carbono nin medidas para protexer os sumidoiros existentes que están a destruírse por mor da falta de control da erosión, dos incendios forestais e das actividades agrícolas e silvícolas.

Participación cidadá

A participación cidadá non queda clara. A creación do Consello Galego do Clima e da Alianza Galega do Clima pode ser redundante, sería máis adecuada a creación dunha Asemblea Cidadá. Ademais cremos que non calquera organización debe facer parte deste tipo de organismos. Deste modo, e para evitar o habitual “lavado verde”, ás empresas debería esixírselles un maior compromiso ambiental demostrando, mediante auditorías certificadas, unha maior redución (tanto directa como indirecta) de gases de efecto invernadoiro que a marcada como obxectivo para o conxunto de Galicia, ademais de establecer un mecanismo de expulsión da Alianza para aquelas entidades que incumpran algún dos obxectivos de redución.

O anteproxecto estabelece un acompañamento bianual dos obxectivos climáticos, o que non ten sentido se temos en conta a rapidez das mudanzas climáticas. Os orzamentos anuais terían que incluír informacións climáticas, como o inventario de emisións pasadas e as previsións para o futuro, de modo que permitan a definición de obxectivos cuantitativos, medidas concretas para alcanzalos e órganos de acompañamento e control.

Outros aspectos que o anteproxecto obvia é a protección das clases desfavorecidas e a seguridade alimentaria, aspecto contemplado explicitamente no Acordo de París, deixando claro que non procura un verdadeiro cambio de paradigma económico. Urxe unha reorientación da produción e do consumo cara a un modelo realmente sustentábel e unha efectiva promoción da participación cidadá.