Verdegaia salienta que a lagoa e areal de A Frouxeira, como espazo incluido na Rede Natura 2000, humidal protexido e zona ZEPA, é un Ben de Interés Xeral e na súa xestión non debe prevalecer o beneficio a unha minoría, senón a utilidade e valor ambiental que lle aporta a toda a cidadanía no seu conxunto. O anegamento de terreos próximos é debido a un proceso natural agravado pola neglixente usurpación da marxe leste da lagoa. A solución pasa irremediablemente pola eliminación do vial, do paseo existente e a expropiación e supresión das edificacións, a fin de recuperar o seu estado natural.

En primeiro lugar débese aclarar que as enchentes invernais de A Frouxeira non son un fenómeno extraordinario senón un proceso natural que acontece en todo o ecosistema fluvial e lacustre, como é o caso que nos ocupa, cando as choivas son persistentes no outono e inverno, e cando intervén o réxime de mareas. Neste caso, o anegamento de terreos ocasionado por este proceso natural débese á neglixente usurpación década tras década da súa marxe leste, mediante a construción ilegal de vivendas, a apertura dunha pista que segregou parte desa marxe (convertida hoxe nun paseo peonil e vial de servicio e que supón unha barreira para o nivel fréatico da agua), o recheo de terreos hidromorfos, a ecualiptización, etc. A ocupación alterou o efecto tampón que fornecía esta parte da lagoa, facendo que as enchentes fosen menos acusadas. Esta situación, lonxe de ser resolta polas administacións competentes (Concello, Xunta de Galicia e Demarcación de Costas en Galicia) mediante a demolición no seu día das edificacións constuidas de xeito ilegal e a supresión da pista, foi consentida e mesmo alentada por ditos organismos, ate o punto de regularizar a situación outorgando a legalidade ás vivendas construidas ilegalmente e convertindo a pista de terra nun paseo peonil.

En segundo lugar resulta cobarde e contradictorio que a Xunta de Galicia se escuse ante a veciñanza afectada no que chama rexeitamento dos colectivos ecoloxistas a abrir a canle da lagoa, cando  a Consellería do Medio Rural é consciente que existe un acordo parlamentario que prohíbe a apertura e que a lexislación ambiental europea (Directiva Hábitats) esixe para este tipo de actuacións a perceptiva avaliación de impacto ambiental. Ate hai ben pouco a apertura artificial da lagoa víñase facendo sen ningún tipo de criterio ambiental, soamente por anegaren as predios colidantes, vulnerando a normativa europea e sen someter o proxecto de valeirado – de existir- a unha avaliación previa de impacto ambiental. Eses valeirados ocasionaron danos no ecosistema e, segundo recolle a páxina web da Xunta de Galicia, os estudos que se están a realizar na actualidade como base para o plan de xestión "desaconsellan actuar na apertura da canal de desaugue natural".

A adopción de medidas como barreiras artificiais ao redor das vivendas non vai solucionar o problema definitivamente dado que ano tras ano produciránse novas enchentes, ao mellor máis acusadas, e débese ter en conta a progresiva subida do nivel do mar polo cambio climático, superándose as barreiras. Como xa puxemos de manifesto nas alegación ao Proxecto de Actuacións na Contorna da Frouxeira, promovido pola Demarcación de Costas, a solución ao anegamento de vivendas colindantes pasaría irremediablemente pola eliminación do vial, do paseo existente e a expropiación e supresión das edificacións construidas de xeito irregular, a fin de recuperar o seu estado natural.