A Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro, da que forma parte Verdegaia, segue a realizar accións de diversa índole encamiñadas á consecución da protección efectiva e á divulgación dos diversos valores deste prezado espazo natural. En datas recentes leváronse a cabo varias actividades e de cara ó futuro, o día 20 de febreiro terá lugar a 1ª Andaina reivindicativa Pola Protección da Serra do Galiñeiro, o 25 unha festa-denuncia e o 3 de marzo unha tertulia sobre o deporte e a Serra do Galiñeiro.
O pasado 8 de febreiro levouse a cabo a presentación dunha carta ó Concello de Mos solicitando reunirse coa Alcaldesa, co Concelleiro de Urbanismo, cos técnicos municipais e co equipo redactor do PXOM, para expoñerlles a preocupación pola conservación dos valores da Serra do Galiñeiro, e transmitirlles a solicitude de protección deste espazo.
En días pasados tamén se seguiu a decisión por maioría de rexeitar o polígono eólico da Serra do Galiñeiro no Pleno da Corporación Municipal do Concello de Vigo, a pesares da oposición do Partido Popular. Ademais, a Plataforma editou un logotipo e está a conformar unha páxina web (http://www.serradogalinheiro.org) para que os cidadáns e todo tipo de asociacións, grupos e entidades de ben coñezan a problemática que se está a tratar e se sumen a este traballo, no que cada vez están máis persoas comprometidas.
Ademais, o día 12 de febreiro realizouse unha charla-coloquio sobre o patrimonio arqueolóxico na Serra do Galiñeiro que se celebrou na escola de Prado (Morgadáns, Gondomar) a cargo do arqueólogo Xosé Lois Vilar.
Por outra banda, as actividades futuras que se van realizar comezan o domingo 20 de febreiro cando terá lugar a 1ª Andaina reivindicativa Pola Protección da Serra do Galiñeiro que sairá ás 10:30 h. do Parque Forestal do Galiñeiro (Vincios, Gondomar) e que cun percorrido de aproximadamente 2,5 horas de duración pretende convocar á cidadanía para percorrer un pequeño anaco de Serra baixo o lema "Por un monte sen eólicos" en referencia á oposición desta Plataforma ó Parque eólico de 13 aeroxeradores e 39 Mw que se pretende levantar neste espazo natural.
O venres 25 de febreiro terá lugar a 1ª Festa-Denuncia Pola Protección do Galiñeiro na taberna Marrucho (Baiona) na que o programa será o seguinte: 18.00 – Actuación do circo escarranchado: un espectáculo para maiores e pequen@s moi ameno e divertido. 19.00 – Recital de Poesía a cargo das Redes Escarlata e á mesma hora @s cativ@s terán actividades coma debuxo, manualidades,… a cargo do colectivo Trasnadas. 20.00 – Actuación do monologuista miñorano Kutxi, mais coñecido como Cabesa de Boi. 20.30 – Actuación do cuarteto tradicional A Seneira. 21.30 – Cea solidaria. 23.30 – Concertos de Skacha e Tiro na testa.
Xa o xoves 3 de marzo realizarase unha mesa redonda con deportistas de proxección internacional no Centro Cultural de Valadares (Vigo) onde se debaterá sobre as posibilidades de ocio e deporte na Serra do Galiñeiro e as repercusións que poderán ter se non se protexe debidamente e do estado de conservación do medio natural galego dende o punto de vista das persoas que practican algunha actividade física. Neste acto intervirán Óscar Pereiro (gañador do Tour de Francia 2006), Sechu López (montañeiro), Jose Luis Armada (responsable da sección de carreiras de orientación da Universidade de Vigo), Alejandro Gómez (atleta internacional), David Gómez (decatleta internacional) e Joaquín Carril (Profesor da Facultade de Ciencias da Actividade física e o Deporte do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo).
Finalmente, a comezos de abril terá lugar outra mesa redonda, desta parte en Tui e sobre a xeoloxía da Serra do Galiñeiro, e xa no mes de maio, haberá unha xuntanza de escaladores galegos nas vías de escalada do Galiñeiro.
Actualmente conforman a Plataforma Pola protección da Serra do Galiñeiro as seguintes asociacións:
ADEGA
AMIGOS DA TERRA
AGA: Asociación Galega de Apicultura
A RÍA NON SE VENDE
ASOCIACIÓN "A GROBA"
ASOCIACIÓN CULTURAL BERRA VAL MIÑOR
ASOCIACIÓN CULTURAL, DEPORTIVA E ECOLOXISTA
TREZE-CATORZE DE SALCEDA DE CASELAS
ASOCIACIÓN CULTURAL "FESTA DA PREHISTORIA" de MOS
ASOCIACIÓN VECIÑAL CASCO VELLO DE VIGO
ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE VINCIOS
CENTRO CULTURAL AS PEDRIÑAS DE TAMEIGA, MOS
CLUBE ESPELEOLÓXICO MAÚXO
CLUB DE MONTAÑA E ESCALADA AZIMUT
CLUB DE MONTAÑA PENA TREVINCA
MONTAÑEIROS CELTAS
MONTAÑEIROS XISTRA
FEDERACIÓN GALEGA DE MONTAÑISMO
COMUNIDADE DE MONTES DE VINCIOS
INSTITUTO DE ESTUDOS MIÑORANOS
OUTRO VIGO É POSIBLE
PLATAFORMA POLA DEFENSA DA RÍA DE VIGO CÍES
SALVEMOS MONTEFERRO
S.O.S. GROBA
VERDEGAIA