A construción de carrís-bici é unha aposta clara do Concello para promover os medios de transporte máis sustentábeis. Ofrecen unha alternativa segura para circular en bici pola cidade, algo especialmente importante para as persoas que se inician no ciclismo urbano.

Dentro deste contexto correspóndenos a Vigo Ciclábel, como colectivo promotor da bicicleta, analizar polo miúdo diversos factores relacionados con esta infraestrutura para propor melloras tanto para o actual carril-bici Coia-Teis como para os seguintes que se leven a cabo.

Deste modo acabamos de realizar unha análise, que anexamos, na que clasificamos as incidencias detectadas en tres grandes grupos e presentamos opcións que poderían solucionalas.

Ademais, coincidindo coa Semana europea pola mobilidade e de modo a verificar in situ esas opcións, realizaremos unha visita guiada a algúns puntos do carril-bici. Será o mércores 20 de Setembro ás 11h durante aproximadamente 45 minutos, o punto de encontro será a parada de bus de Camelias que está xusto diante do edificio do Concello.

Semáforos:

Os tempos e ciclos de algúns semáforos prexudican innecesariamente a circulación polo carril-bici. Así, no treito entre Praza América e Gran Vía unha bici tarda de media 12’58’’ pola calzada pero 17’07’’ polo carril-bici. O caso máis extremos é o treito de 95 metros entre a Rúa Chile e a Rúa Romil no que circulando polo carril-bici pódese tardar máis de 3 minutos ao ter que parar en tres semáforos distintos.

Ocupación indebida:

Tanto o carril-bici como o ciclo-carril de Travesía son frecuentemente ocupados por turismos e vehículos de repartición de mercadorías.

Obstáculos:

A presenza dalgunha vexetación e a incorrecta colocación de arquetas e tapas de sumidoiros poden xerar situación perigosas.

Consulta a análise do carrilbici