Co gallo da Semana Europea da Mobilidade analizamos polo miúdo a situación da mobilidade peonil en Vigo que segue sendo a grande esquecida dos plans urbanos de mobilidade

As recentes instalacións de elevadores e de escadas mecánicas ou a reforma da praza América son algúns exemplos de medidas que o Concello ten tomado para facilitarlles o desprazamento aos peóns.
Pero cando analizamos os puntos de encontro entre beirarrúas e calzadas verifícase que a maioría dos itinerarios peonís están deseñados para favorecer o fluxo de coches e motos.

Clasificamos as incidencias detectadas en catro grandes grupos:

Pasos de peóns
Certos pasos de peóns son perigosos pola falta de visibilidade ou pola velocidade á que pasan os
vehículos. Propoñemos alternativas sen necesidade de recorrer aos custosos e insustentábeis
semáforos.
O caso máis destacado son os pasos con pouca visibilidade, en rúas como Ecuador ou Manuel Olivié, onde a presenza de contedores ou vehículos aparcados xusto onde empeza un paso de peóns dificulta o contacto visual entre peón e condutor.
No documento adxunto analizamos graficamente casos como o de Gregorio Espino chega a haber unha distancia de 170 metros entre dous pasos de peóns ou o de rotondas de pouco tráfico, como a de Hispanidade, onde os pasos de peóns están tan lonxe do cruzamento que o peón case ten que percorrer o dobre da distancia que naturalmente percorrería.

– Semáforos
Os tempos dalgúns semáforos prexudican innecesariamente a circulación dos peóns. Analizamos como algúns cambios poden diminuír os tempos de espera sen prexudicar o tráfico da calzada.
Por exemplo na rúa Girona ou en Pi y Margall é habitual que o semáforo para os peóns estea en
vermello sen que pasen vehículos pola calzada. De feito no cruzamento entre Gran Vía e Girona é
habitual que durante o verde da calzada pase un número de vehículos inferior ao número de peóns que saltan o seu vermello.

– Ocupación das beirarrúas
As terrazas improvisadas e o aparcamento indiscriminado de motos dificultan moitas veces a pasaxe de persoas, cadeiras de rodas ou carriños de bebés.
A Ordenanza municipal permite que as motos utilicen o motor exclusivamente para salvar o bordo da beirarrúa, como cada vez é máis frecuente velas circulando pola beirarrúa para aparcar, no documento adxuntamos un vídeo.

– Infraccións dos vehículos motorizados

O exceso de velocidade ou a contaminación acústica son algunhas dos efectos dos vehículos
motorizados que desprotexen e prexudican especialmente os peóns. A extensión das Zonas 30 ou as Zonas de baixas emisións axudarán a mitigar os seus efectos pero será necesario adoptar medidas de control que a día de hoxe practicamente non existen o que xera unha sensación de impunidade aos infractores.

A conclusión final é que se teñen dados pasos importantes, como a ampliación de beirarrúas retirando espazo á calzada, pero aínda se toman moitas decisións sen ter en conta as necesidades específicas dos peóns. Un caso flagrante é o tempo que dura o verde intermitente para os peóns. Excepto casos moi illados, a maioría dos semáforos están regulados con un verde intermitente de apenas 2,5 segundos. Un espazo de tempo notoriamente insuficiente na maioría das rúas.

A Orde TMA/851/2021, de 23 de xullo indica no Art.23.5 “O tempo de luz verde intermitente dos
semáforos terá unha duración que, como mínimo, permita a unha persoa, situada no centro da calzada no momento do seu inicio, alcanzar unha beirarrúa ou illa de refuxio antes de que termine.”
En rúas como Travesía de Vigo que ten algúns pasos de peóns con 19 metros de ancho, os 2,5 segundos son notoriamente insuficientes, polo que é habitual ver os peóns correr.

Análise peonil SEM 2024