Amigos da Terra Galicia, a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Verdegaia presentaron hoxe unha queixa perante o Valedor do Pobo para denunciaren o incumprimento por parte da Consellería do Medio Rural do decreto que regula o Consello Forestal de Galicia. O órgano consultivo para a participación social na política de montes tan só celebrou a súa reunión de constitución, o 14 de decembro do ano pasado. O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, non volveu convocar ningunha reunión a pesar de que legalmente está obrigado a facelo un mínimo de dúas veces ao ano.

A non convocatoria do Consello é unha mostra de que a Xunta actual non corrixiu o enorme déficit de participación social no deseño e execución da política autonómica de montes e incendios forestais.

Amigos da Terra Galicia, FEG e Verdegaia entenden que a Consellería do Medio Rural está obrigada a convocar o Consello polo menos unha vez cada seis meses. O conselleiro incumpriu a promesa que fixo ao Consello na reunión de decembro, cando dixo que “se lle fará partícipe das grandes liñas que se están a deseñar sobre política forestal na Consellería”. Perante as queixas públicas dalgunhas organizacións, a Consellería anunciou a mediados de agosto que convocaría o Consello para finais de setembro, mais segue sen convocar ningunha reunión.

Reforma adiada

A Consellería do Medio Rural tamén incumpriu a súa promesa de reformar o Consello, logo de anunciar en decembro pasado que ía reducir a presenza de representantes da Administración autonómica. Amigos da Terra Galicia, FEG e Verdegaia esixen un cambio no deseño do Consello, establecido polo Goberno anterior, para facer del un órgano influínte, independente da Xunta e con maior representatividade social.

O Consello Forestal ten como funcións participar na elaboración de propostas sobre asuntos forestais impulsadas pola Consellería do Medio Rural e formularlle propostas e críticas. Está formado actualmente por 49 membros, dos cales 24 representan á sociedade civil: propietarios de montes, organizacións empresariais, clúster da madeira, sindicatos agrarios, organizacións de gandeiros, Federación Galega de Caza, asociacións micolóxicas, asociacións de consumidores, colexios de enxeñeiros de montes e de enxeñeiros técnicos forestais, asociacións ecoloxistas e expertos a título particular.

Máis información:

Decreto polo que se crea o Consello Forestal de Galicia.pdf