O vindeiro xoves, 11 de marzo, proxectarase a derradeira das películas do ciclo de cine que as dúas asociacións veñen organizando no local que comparten en Compostela. Nesta ocasión, a película escollida é “La Dignidad de los Nadies” (Pino Solanas, 2005), un documental onde queda recollida a reacción popular ao corralito arxentino: comedores populares, piquetes, recuperación de fábricas, traballo solidario en hospitais públicos… Desta volta contaremos cunha participación moi especial: Pablo Carro, compañeiro que conta cunha larga traxectoria de militancia en diferentes movementos sociais en Arxentina, conducirá un coloquio despois do filme, ofrecéndonos algunhas claves para achegarnos a actual situación das iniciativas e experiencias populares xurdidas no país austral nos últimos anos.
A finais de xaneiro deste ano 2010, as organizacións Amarante e Verdegaia decidiron poñer en marcha unha actividade coa que poder abrir un espazo para o coñecemento e a reflexión acerca de diferentes problemáticas sociais e ambientais, empregando a linguaxe audiovisual como unha xanela para achegarnos a esas realidades.
Coñecimos algunhas das claves da publicidade comercial co documental "Gran Superficie"; despois descubrimos o negro negocio do café con "Black Gold"; "Nuestro pan de cada día" amosounos o que nunca se amosa da industria gandeira e alimentaria; "China Blue" adentrounos nas fábricas textis; "O Mundo según Monsanto" debuxou a aterradora historia dos transxénicos; con "Life and debt" quedou á vista o papel do FMI e o BM na globalización capitalista; e con "Estamira" viaxamos ás cidades do lixo, ocultas aos ollos dos seus habitantes…
Entendemos que coñecer e comprender as causas dos problemas que afectan a sociedades tanto do Norte e do Sur, representan o primeiro paso para o cambio persoal e social. Con este ciclo, quixemos ofrecer á cidadanía compostelá un espazo para o intercambio de ideas e inquedanzas nun clima ameno e distendido e, á vista da elevada participación e os interesantes debates post-filme, pensamos que, cando menos nunha parte, conseguímolo.
Este xoves voltaremos a xuntarnos no noso local (Avda. Romero Donallo, 17) as 20:30hs a compartir a derradeira das películas deste ciclo e a combater o frío cun chocolate de comercio xusto (non esquezades traer as vosas cuncas!).