Alegamos o Estudo de Impacto Ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, de Proxecto Sectorial (Proxecto de Interese Autonómico) e de Declaración de Utilidade Pública das instalacións do Parque Eólico Touriñán III-2, emprazado nos concellos da Estrada, Campo Lameiro e Cuntis, polos seguintes motivos:


1) OParque Eólico (PE) incumpre as disposicións establecidas pola Xunta de Galicia (art. 39 da Lei 18/2021) respecto á distancia a núcleos de poboación, afectando os seguintes núcleos: Cortegada (Souto), a 665 m do aeroxerador AE4 e a 735 m do AE5 (modelo SG-145 con 162,5 m de altura total, polo que a distancia mínima sería de 812,5 m).

2) O proxecto do PE non pode evadirse do cumprimento da lei de acompañamento (Lei 18/2021 publicada no BOE o 4 de marzo de 2022) debido ás modificacións efectuadas (planos visados o 25 de marzo de 2022).

3) O Proxecto non ten en conta a lonxitude das asas dos aeroxeradores, elemento indispensable para a produción enerxética (incumprindo o Plan Sectorial Eólico de Galicia).

4) O Proxecto non xustifica que a solicitude de Proxecto de Interese Autonómico (PIA) poida incorrer nas manifestas contradicións co Plan Sectorial Eólico de Galicia.

5) A Relación de Bens Afectados (RBA) non contempla a afección da zona de protección eólica (200 m arredor da zona de voo en cada aeroxerador) na que se ven reducidos os dereitos e liberdades das propietarias polo que debe haber unha valorización económica explícita desta perda (expresando titulares, parcelas e superficies afectadas).

6) Afección de montes veciñais. O Proxecto afecta os MVMC de Armonda, Moimenta, A Lamosa, Castro e Cimadevila. Estas comunidades de montes non foron informadas nin autorizaron traballos realizados (desbroce de vexetacións, movemento de terras, perforación de sondeos) polo que se trata de obras ilegais.

7) Afección de patrimonio cultural. O Proxecto impacta fisicamente o contorno de protección do elemento catalogado mámoa-cista do Monte dos Cregos. O Proxecto impacta visualmente o Ben de Interese Cultural (BIC) Chan de Carballeda, monumento histórico-artístico composto por 7 estacións de petróglifos, nun Concello (Campo Lameiro) onde este elemento patrimonial ten unha relevancia única (o seu lema é “capital galega da arte rupestre”).

8) Afección de policía de cauces. O Proxecto afecta Rego da Rega, Rego do Cubillón e Rego das Porqueiras, pero non se avalían medidas para previr afeccións sobre nacentes ou cursos de auga.

9) Na Comunidade de augas de Moimenta a subestación e os aeroxeradores AE1 e AE2 afectan a rede de abastecemento de auga, alterando as súas fontes de captación, non existindo sistema alternativo para dotar a aldea.

10) O Proxecto sitúase sobre o humidal de montaña Chan da Braña, cando está documentado o prexuízo dos PE neste tipo de ecosistemas (“Conservación e xestión de humedais en Galicia”, IBADER, 2017). E sitúase a menos de 10 km da Zona Especial de Conservación (ZEC) Brañas de Xestoso, o que supón un perigo en especial para as aves.

11) Os terrenos afectos polo parque eólico pasan a ser Solo Rústico de Protección de Infraestruturas, o que pode resultar incompatible coa percepción de axudas da Política Agraria Común (PAC).

12) O impacto visual é crítico pero está minimizado no proxecto.

13) O impacto turístico é crítico pero está minimizado no proxecto.

14) O impacto paisaxístico é alto en 14 dos 16 miradores afectados da Xunta.

15) O Proxecto contradí o artigo 9.1 da Lei 2/2016 do solo de Galicia, pois o PE afecta un espazo aberto e natural.

16) O PIA incorre en falsidade cando di que “aleja los pueblos de las molestias debido al ruido producido por los aerogeneradores”. A aldea de Cortegada está afectada por uns niveis sonoros de explotación de entre 40 e 45 dB, e as aldeas de San Torcado e Montillón de Arriba entre 35 e 40 dB. Ademais non inclúe toda a lexislación vinculante (como pode ser o planeamento urbanístico do concello de Cuntis).

17) O Estudo Acústico contén erros en: distancia entre aeroxeradores e núcleos de poboación, cálculos dos niveis.

18) O EIA incorre en falsidade no seu punto 1.4.2. onde asegura que a enerxía eólica é completamente segura para os animais, os PE son causa directa de mortaldade en aves e morcegos e indirecta en anfibios e réptiles.

19) Non se avalía de maneira obxectiva a alternativa 0 (non construción do parque eólico).

20) O Promotor non explicou nin fixo partícipe do Proxecto as propietarias afectadas.

O pasado 6 de xullo realizouse un acto informativo en Campo Lameiro