Verdegaia, xunto con outras entidades ecoloxistas, entre elas a FEG, foi convidada a participar nunha reunión, o pasado 18 de Xaneiro, organizada polo Observatorio do Litoral da UDC. Finalmente desde o movimento ecoloxista decidiuse non participar ao considerar que esta reunión, a dous días de acabar os prazos de alegacións, era unha falta de consideración e respecto, que se trataba dun simple formalismo que como redactores do anteproxecto precisaban para “cubrir o expediente” e que non permitía engadir as consideracións, propostas e alegacións provenientes do movimento ecoloxista.

Desde a FEG presentamos alegacións a este Anteproxecto de Lei das que mostramos un extracto:

ORIXE E FINALIDADE DO ANTEPROXECTO DE LEI DE ORDEACIÓN DO LITORAL DE GALICIA

Débese destacar, como reflexión de partida á hora de atopar xustificación á necesidade dunha lei que permita a asunción de competencias en materia de ordenación do litoral, o desleixo que ven amosando a Administración galega pola ordenación, a sustentabilidade, a protección ambiental e a resiliencia fronte á emerxencia climática. Certamente, de forma sistemática, a Xunta de Galicia ven amosando un desmedido interese por favorecer a ocupación privada do litoral, como ten acontecido por exemplo coa permanencia da fábrica de ENCE en dominio público marítimo terrestre de forma ilegal e desatendendo denuncias por incumprimento da lexislación existente. Este desleixo apréciase na degradación que veñen sufrindo os sistemas naturais instalados no litoral de Galicia e que se está a traducir nunha acelerada perda de diversidade e de recursos ademais de incrementarse o risco de catástrofe por inundación.

Non cabe dúbida que a orixe deste Anteproxecto hai que buscalo no inicio da tramitación por parte do Parlamento do Estado, da Lei 7/2021, de 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética, en efecto, dende fai meses, membros do goberno da Xunta de Galicia que promoven e teñen aprobado este Anteproxecto teñen comunicado á cidadanía a súa oposición a esa norma estatal por considerala demasiado “restritiva”. Xa o 10 de xullo de 2020, o Faro de Vigo publicaba baixo o título “Galicia rexeita ao proxecto de Lei de Cambio Climático” que:

“A Xunta e o sector de mar-industria galego rexeitan o proxecto da Lei de Cambio Climático ao incluír “unha modificación pola porta de atrás da Lei de Costas”, como alertou onte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras unha reunión co sector afectado. Ao seu xuízo, ponse en risco a máis de 100 empresas, 3.000 empregos, 80 concellos e 5.000 edificacións”

É dicir, dende que se empeza a redactar a Lei de Cambio Climático aparece unha preocupación na administración galega, pero non pola protección ambiental que en todo caso se considera excesiva, senón polos intereses empresariais. Confirma este afán por protexer os intereses dos empresarios fronte á conservación dos sistemas litorais e á protección fronte ás consecuencias da emerxencia climática a propia Conselleira do Medio Ambiente, dona Ánxeles Vázquez o 24 de xuño do mesmo ano cando o xornal dixital Adiante Diario recolle na súa web que, a conselleira:

“manifesta que o artigo 18 desa Lei de Cambio Climático “supón un cambio total e absoluto no regulamento de costas e na duración das concesións” que sitúa en situación de risco a un cento de empresas e as cinco mil construcións ao longo da costa galega.”

“Pedimos que se quite ese artigo” dixo Vázquez, criticando que por parte do goberno de Pedro Sánchez “non houbo diálogo previo cos afectados”. Agarda que “non se trate dunha decisión ideolóxica sen máis”

Como se pode comprobar, o problema son o cento de empresas e as 5000 construcións hipoteticamente ameazadas, non os sistemas litorais.

Para o goberno da Xunta o problema non é en absoluto que os sistemas naturais do litoral galego non estean protexidos senón que pon “en risco as empresas asentadas no litoral galego”, é dicir, que o ideal para a Administración é manter en dominio público, isto é en terreo de todos os galegos, é de supoñer que de forma definitiva, empresas de diversa índole. Pero ademais hai un novo elemento que é o afán por escenificar un enfrontamento entre a administración autonómica e estatal que asegura, contrariando así aos membros do goberno da Xunta de Galicia, a través da Ministra que a lei “non afecta a ningunha das concesións xa outorgadas ni as súas prórrogas legais”. O Goberno da Xunta de Galicia ven mantendo dende entón este enfrontamento artificioso co Estado, é de supoñer que para manter unha falsa tensión que lle proporcione ao partido no goberno réditos electorais.

Deixan claro os gobernantes que o problema para a Administración non é a protección do litoral, o problema xurde co inicio da redacción da lei do cambio climático que ameaza non á conservación do medio natural senón a un cento de empresas e a 5000 construcións (ou 3000 ou 4000 segundo quen e cando fale sempre sen explicar de que construcións se trata) tal e como asegura o presidente do goberno galego; daquela pídese que se retire da lei un artigo que limitaría a duración das prórrogas en dominio público marítimo terrestre a “só” 75 anos, e este parece ser o argumento central do rexeitamento, e así o asegura a Conselleira Ánxeles Vázquez cando asegura que a lexislación estatal fai “unha interpretación moi restritiva da costa galega, e polo tanto estamos nunha parálise, tanto para que as industrias poidan facer os seus investimentos” e a restrición e a “gran confusión normativa” vai resolverse cunha nova norma.

Pódese concluír, xa que logo, que a finalidade da lei parece ser dobre, por unha banda manter un “rifi-rafe” co estado con supostos beneficios electorais para o partido no goberno e por outra intentar pasar por riba da lexislación estatal que é demasiado “restritiva” e favorecer ás empresas que ven limitada a ocupación libre do dominio público.