Verdegaia presentou, ante o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, alegacións ao proxecto de “Recuperación do sistema dunar na praia de Samil T.M. Vigo. Fase 1A: entre Punta Samil e concesión administrativa Camaleón” (número de expediente 36-0435) publicado no Boletín Oficial del Estado número 58 de 9 de marzo porque consideramos que presenta moitas eivas e solicitamos que se reformule o proxecto de cara a converterse nun plan de restauración ecolóxica dunar que devolva ao litoral vigués as comunidades ecolóxicas dunares que se perderon coa urbanización salvaxe que sofreu esta área litoral na segunda metade do S. XX.

1) Vexetación

O proxecto é unha oportunidade perdida de cara á restauración ecolóxica do Hábitat de Interese Comunitario “Dunas móbiles embrionarias”; das “Dunas móbiles de litoral con Ammophila arenaria (dunas brancas)” e das “Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea (dunas grises)” que con anterioridade aparecían como áreas a restaurar.

2) Fauna

Non plantexa restaurar poboacións faunísticas dunares, hoxe en día desaparecidas do areal de Samil mais que no pasado recente foron comúns en toda a franxa litoral afectada polo citado proxecto. Samil albergaba ata non fai moitos anos unha poboación de sapo de esporóns (Pelobates cultripes), especie catalogada como “en perigo de extinción” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e incluída no Anexo IV da Directiva 92/43/CEE do Consello de 21 de maio de 1992 relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. A execución do citado proxecto nos termos nos que se plantexa é unha oportunidade perdida para recuperar esta interesantísima poboación dunha especie en declive no territorio galego.

3) Desaparición de ecosistemas dunares

O proxecto obvia a grande perda de millares de hectáreas de ecosistemas dunares que aconteceu no litoral galego en xeral e na costa viguesa en particular.

Obviar este feito converte o citado proxecto en innecesario xa que evita que se poda levar adiante unha restauración seria dos ecosistemas dunares.

Sen embargo, desde o ano 2001 a Asociación Fontaíña está a levar a cabo un Proxecto de Restauración Dunar en Cabo de Mar, a carón da área afectada polo proxecto ao que se dirixen estas alegacións. Estes traballos conseguiron devolver ao litoral de Alcabre parte dos hábitats perdidos co urbanismo descontrolado que padeceu esta área costeira na segunda metade do S. XX logrando recuperar hábitats catalogados como “Dunas móbiles embrionarias” ou “Dunas móbiles de litoral con Ammophila arenaria (dunas brancas)” e que antigamente aparecían masivamente na área afecada por este proxecto de “Recuperación do sistema dunar…” e que non voltarán a existir na área afectada polo mesmo de levarse a cabo nos termos nos que se plantexa a súa realización.

4) Previsión da suba do nivel do mar

O proxecto esquece a prevista suba do nivel do mar cunha estimación dun retroceso de liña de costa de 30 m debido á mudanza climática antropoxénica. Por este motivo, a execución deste proxecto tal e como se plantexa tardará poucos anos en non valer para nada máis que acabar coa pouca superficie que queda do areal de Samil.

O proxecto ten que ter en conta a prevista suba do nivel do mar e, por tanto, debería escoller a alternativas plantexada no propio Proxecto de “Recuperación Completa do estado natural da praia e do seu cordón dunar, eliminando o paseo máritimo actual”.

Dende finais dos anos noventa do S. XX vense notando unha redución paulatina da superficie do areal de Samil ano tras ano, que se agravará aínda máis se non se plantexa unha restauración do ecosistema dunar antigamente presente na zona.

A carencia dunha visión transversal entre a mudanza climática e a restauración ecolóxica cunha actuación urbanizadora en troques doutra restauradora e holística profundizará no problema de perda do areal. Hai que entender o areal como unha parte da duna e a duna como unha parte do areal debido ás interrelacións que presentan entre si en particular e coa dinámica litoral en xeral. Non ter en conta isto constitúe un grande erro en calquera actuación que se pretenda levar a cabo nun proxecto dunha zona con potencial de restauración dunar na actualidade.

5) Contaminación lumínica

O proxecto non ten en conta a elevada contaminación lumínica que ocasionan as farolas instaladas na actualidade e as contempladas no citado proxecto.Desta maneira perpetúase este impacto ambiental sobre a área afectada polo citado proxecto.