Verdegaia vén de presentar alegacións á contrución da autovía A-8 no tramo Abadín-Castromaior, no concello de Abadín. Máis concretamente, un viaduto con 6 vans sobre o río. A construción deste viaduto suporía unha gravísima agresión ó medio que ademais non se informa axeitadamente (non se sabe cantas árbores hai nas beiras do río, soamente se sabe que é unha vexetación espesa nin se sabe que especies se talarían).
O que se pretende facer é desviar o caudal do río temporalmente para construír os vans con taboaestacas, xa que o leito do río non é un tipo de terreo axeitado para cimentar con seguridade, tanto na fase das obras como na fase de funcionamento. É dicir, quérese desviar o caudal e construír no mesmo cauce e algún van iría incluso na mesma beira do río, para o que se talaría toda a vexetación existente e obraríase dentro do río.
Se as obras de calquera estrada poden ter impactos importantes, o das autovías adoita multiplicalos e no caso de ter que pasar sobre ríos o caso é moito peor.
O resultado desta obra sería deixar unha zona co seu hábitat completamente destruído (afectacións no caudal, a cimentación que quedaría no río, fauna piscícola, aves, réptiles, calidade da auga, aumento de contaminación nas augas, contaminación do aire, aumento do efecto da erosión…).
Verdegaia insiste en que o modelo de mobilidade resulta absolutamente insostible e é un dos grandes responsables da actual crise económica (consumo excesivo de combustibles fósiles, uso do vehículo privado, contaminación atmosférica, venda de coches como motor da economía…) e animamos a que as administracións públicas reflexionen sobre as alternativas para que toda a cidadanía viva mellor nun modelo sostible e que, sobre todo, aproveiten a crise como unha oportunidade para facer as cousas doutro xeito e non como un instrumento especulativo.
Deberíase deter a construción das estradas e autovías do Plan director de estradas, sentar a falar e ordenar o territorio e aproveitar as infraestruturas xa existentes para non deixar máis destrución detrás nosa, igual que queda o dióxido de carbono e as partículas detrás do coche.
Podes descargar as alegacións aquí: