Verdegaia vén de apresentar alegacións ó anteproxecto de sistema de colectores xerais e nova EDAR en Ogrobe que xeraría importantes impactos sobre o patrimonio natural, socioeconómico e paisaxístico. As alegacións apresentadas detallan os impactos da fase de contrucción e de funcionamento da EDAR e demais infraestructuras asociadas ó seu funcionamento, a parte de reflexar os que sufriría o patrimonio natural, socioeconómico e paisaxístico. 

Entre estes impactos cómpre salientar os propios da construcción e funcionamento do emisario submariño nos bancos marisqueiros, xa que segundo o mesmo proxecto, “Unha fase que require especial atención é a realización dun emisario submariño dado que se realizará a través de zonas de importancia marisqueira”, o impacto do verquido de augas depuradas ó mar, xa que segundo o mesmo proxecto esto ocasionará “a emisión de calor, a transformación do medio físico e biótico e a transformación do medio socioeconómico”, e tamén o gravísimo impacto que se produciría nos bancos marisqueiros e nas zonas de baño polo verquido de augas de “By-pass” directamente ó mar, xa que segundo o mesmo proxecto, este mecanismo terá as seguintes consecuencias:

 

  • Emisión de calor: “pode xerar problemas sobre o sistema ecolóxico próximo”.

  • Verquidos ás augas: “a carga contaminante das augas verquidas directamente ó mar ocasiona unha perda da calidade da auga, incrementando os niveis de DBO, microorganismos e sustancias en suspensión”

  • Transformación do medio físico: “os materiais arrastrados polos verquidos poden xerar pequenos cambios do medio físico nas proximidades do punto de verquido producidos pola deposición de residuos e sedimentos”.
  • Transformación do medio biótico: “a carga contaminante das augas verquidas directamente ó mar ocasiona unha perda da calidade das augas que afectará ás comunidades bentónicas e sésiles”.
  • Transformación do medio socioeconómico: “o efecto indirecto que ten a eventual do medio biótico poderá ser a perda localizada da calidade do marisco debido á sedimentación de materiais e o aumento dos niveis de microorganismos entéricos; en segundo lugar poderá existir un efecto sobre a calidade das augas para o baño”.

Outros impactos serían os relacionados co patrimonio natural, xa que na zona afecteda existen dous hábitats prioritarios e seis de interese comunitario, segundo a Directiva Hábitats, amais de albergar importantes poboacións de aves (con máis de centotrinta especies presentes na zona), e o hábitat de especies de animais incluídas no anexo II e IV da citada Directiva.

 Por outra banda, Verdegaia reflectiu os impactos socioecnómicos deste anteproxecto que afectaría á comunidade de moluscos bivalvos presente na zona, polos verquidos habituais e de “By-pass” do propio emisario, feito que empobrecería en grande medida os bancos marisqueiros próximos e a calidade da auga para o uso para o baño. Ademais, xeraríase un impacto paisaxístico na zona afectada de non soterrarse a EDAR.

Para tentar paliar todos este danos, Verdegaia solicitou que o proxecto se leve a cabo noutro lugar do municipio de Ogrobe onde non xere tantos e tan variados impactos como xenera no emprazamento escollido, que se realice de xeito que a EDAR quede soterrada para minimizar así o impacto, que conte cun emisario submariño de moita máis lonxitude e que verta a máis profundidade da que a que se contempla, para así minimizar o impacto desta infraestructura sobre os bancos marisqueiros e a costa e potenciar a disolución dos verquidos polas correntes da ría, que se faga un grande esforzo por minimizar o impacto da fase de construcción e de funcionamento da infraestructura a construír, que se prescinda de empregar o método de verquidos de “By-pass” salvo por unha causa excepcional para evitar o grave impacto que xenera a posta en marcha deste mecanismo, que se prescinda de empregar PVC nas instalacións proxectadas, e que se leve a cabo o Plano de rexeneración da marisma da Laxe, en Rons, presentado e apoiado por tódolos grupos con representación no concello de O Grove o 12 de xaneiro de 2001.