Verdegaia denuncia as agresións sufridas por dous dos seus membros no transcurso da “V Copa de España de caza do raposo” que tivo lugar durante o día de hoxe na vila lucense de Portomarín. Tamén denuncia a crueldade e a vexación dalgúns dos cazadores participantes cos cadáveres de varios dos animais abatidos que foron golpeados até desfiguralos para amosar aos ecoloxistas presentes o que facían cos animais dicindo: “mira o que fago con este raposo, mira”.
As agresións foron nun primeiro momento verbais mais logo pasaron a ser tamén físicas. Na primeira e máis grave, un membro de Verdegaia -que estaba a grabar e a fotografar como os cans duns cazadores participantes no citado campionato estaban a trabar a un raposo morto que caeu abatido a tiros- comezou a recibir insultos, improperios e ameazas de morte tais como “ímoste pegar un tiro”, “ímoste matar”, “vas saír moi mal de aquí”, “ímoste pegar unhas …”, “vas ter problemas”, entre outros; momentos máis tarde, outro cazador -xefe da cuadrilla que estaba a ser grabada- agarrou polo pescozo ó membro de Verdegaia e comezou a empuxalo mentres outro o ameazaba con baterlle coa escopeta a modo de bate ou dándolle culatazos.
A segunda agresión consistiu no mesmo tipo de improperios verbais e en empurróns.
Os membros de Verdegaia agredidos estaban a participar no boicote a este triste evento que organizou a “Plataforma Matar por Matar Non” (que aglutina a un total de 19 colectivos), e en todo momento mantiveron unha actitude pacífica e respeitosa e cando cesaron as agresións dirixíronse a un centro médico cercano a curar as feridas que un deles tiña no pescozo e máis tarde ó cuartel da Garda civil a apresentar unha denuncia por agresións contra os cazadores involucrados no comentado suceso.
Dende Verdegaia queremos voltar a condear este tipo de “campionatos de caza” nos que case que un milleiro de cazadores matan ós poucos raposos que viven no monte escollido para levarse a cabo ese campionato argumentando que as poboacións galegas de raposo son moi cuantiosas e que coa celebración dese tipo de actos cruentos se axuda a manter o estatus do raposo nos montes galegos, argumentacións que son rotundamente falsas.
Tamén queremos condear as actitudes violentas coas persoas entendendo que é moi posible que as persoas que teñen unha actitude deste tipo cos animais tamén é probable que a teñan coas persoas tal e como ocorreu hoxe nos montes de Portomarín.