A Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, da que fai parte Verdegaia, recibiu estes días a Serra do Galiñeiro por El Jim (Flickr)
esperanzadora nova de que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo admitiu a trámite a denuncia interposta ante esa Comisión solicitando que a Serra do Galiñeiro fose declara da Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) para pasar a formar parte da Rede Natura 2000 en Galicia. Iso significa que a nosa demanda ten sentido e afortunadamente o procedemento segue adiante.

Seguindo esta liña de traballo e ante a actuación da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de deixar fóra da Proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia, unha vez máis, a Serra do Galiñeiro, a Plataforma pola Protección desta Serra acaba de presentar alegacións a este documento.

Cómpre sinalar que a serra do Galiñeiro se encadra dentro do grupo das denominadas Serras Litorais e que este grupo de sistemas montañosos está a sufrir de maneira particular o abandono da Administración, pois á excepción do monte Pindo e de certas áreas moi reducidas da serra da Groba, estas serras continuarán fóra da Rede Natura 2000.

O Parque Natural do Monte Aloia non experimenta ningún incremento na súa superficie con esta proposta de ampliación da rede Natura 2000 de Galicia, e como consecuencia disto, a práctica totalidade da serra do Galiñeiro continúa excluída da citada rede.

Os hábitats naturais e as especies que deberían motivar a declaración dun espazo natural como LIC están escasamente representados no interior do Parque Natural do Monte Aloia, de feito, a práctica totalidade do parque está ocupada por repoboacións de especies exóticas, que non teñen a consideración de hábitats de interese comunitario. Este Parque Natural presenta outro tipo de valores naturais, como son o seu atractivo paisaxístico, a singularidade do seu temperán proceso de reforestación, ou un progresivo aumento da súa calidade ambiental, derivado da súa xestión como espazo protexido, pero contrariamente ao que sucede no monte Aloia, as cotas altas da serra do Galiñeiro si están ocupadas maioritariamente por hábitats de interese comunitario.

A Plataforma considera que coa delimitación da superficie do novo LIC non só se preservarían os hábitats, a fauna e flora de especial interese no Galiñeiro, senón que os valores ambientais deste Parque Natural se verían aumentados e protexidos por unha área de amortecemento fronte aos impactos que a serra sofre a cotío dende hai décadas.

A natureza predominantemente pétrea que caracteriza os relevos dominantes da serra do Galiñeiro ten a súa correspondencia vexetal nun amplo abano de comunidades florísticas onde se entrecruzan as influencias bioclimáticas atlántica e mediterránea. Nesta serra existe un elevado número de endemismos ibéricos, moitos deles ligados precisamente a ambientes áridos, ou que buscan a protección que lles procuran os abrigos rochosos. Tamén nos humedais da serra, como regatos e turbeiras, ou nas fragas caducifolias encontramos especies endémicas. As  turbeiras de fondo de val e de ladeira, que son hábitats de interese comunitario, teñen representación por exemplo no Monte das Moutas en Prado, Gondomar.

Con esta actuación da Xunta queda desprotexida una importante poboación dunha especie florística e ata de una ducia de especies faunísticas, algunhas de elas catalogadas como endemismos galego-portugueses, e moitas das catalogadas como endemismos ibéricos; indo así contra a lexislación Comunitaria Europea.

Así mesmo coa exclusión da serra do Galiñeiro da Rede Natura queda tamén desprotexida unha importante poboación de cabalos en réxime de liberdade, o cabalo autóctono que recibe a denominación oficial de “Cabalo de Pura Raza Galega” e está incluído no “Grupo de Razas Autóctonas en Perigo de Extinción”. A poboación de cabalos en réxime de liberdade que habita na serra do Galiñeiro forma, conxuntamente cos cabalos da serra da Groba, unha das máis importantes poboacións galegas de cabalo de monte, e as dúas poboacións  unidas a través dun corredor montañoso, exercen o papel de especie clave no mantemento dos hábitats naturais da serra e da súa biodiversidade.

Pero non son só os valores ambientais os que hai que ter en conta á hora de determinar a protección deste territorio, senón que os valores arqueolóxicos son elevados aquí, e nalgúns casos ligados aos propios elementos xeomorfolóxicos. Tal é o caso de moitas covas graníticas nas parroquias de Vincios e Morgadáns, e especialmente na recentemente estudada a nivel internacional como é a dos Milagres da Trapa, xa no concello de Tui.

Nós pedimos que a delimitación da superficie do novo LIC se realice seguindo exclusivamente criterios científicos e ambientais, de maneira que se axuste á distribución real dos hábitats e das especies. Pois é que Galicia pasa do 11% do territorio protexido actualmente a un 15,2 %, superficie esta que segue a ser insuficiente ante as prerrogativas europeas que determinan maior protección para unha terra tan diversa como é a nosa, e tendo en conta que o estado español, sendo tan variado en hábitats e especies, non pasa de ter só o 25 % do territorio protexido.

Ante o panorama de abandono do medio natural por parte das autoridades galegas esta Plataforma segue con actuacións encamiñadas a dar a coñecer aos cidadáns os valores da serra, os problemas cos que vive e os perigos que a ameazan. A nosa próxima actuación neste sentido vai ser a III Andaina pola Protección da Serra do Galiñeiro. O domingo 13 de maio percorreremos a parte norte do Galiñeiro nun roteiro circular.