Adeus Monte Pindo!

Outro incendio máis. Día tras día, semana tras semana, mes tras mes, ano tras ano, lustro tras lustro, década tras década. Outro incendio máis, e os gobernos, libres de culpa, piden a colaboración cidadá contra os pirómanos, presentados como os únicos culpables desta lacra social, mentras lexislan plans estratéxicos que entregan o territorio a multinacionais acuícolas, eólicas, mineiras, enerxéticas que miran como os incendios esnaquizan os valores naturais, etnográficos, arqueolóxicos e patrimoniais de Galicia que atesouran para maior gloria da súa conta de resultados.

Outro incendio máis logo de miles deles, sin que os gobernos fagan ningún exercicio de autocrítica. Galicia arde, pero os Monte pindogobernos non fallan. O sistema é óptimo, o problema son os pirómanos. Cando antes facían falta 30 anos para cambiar o uso forestal do monte queimado, agora chega con dous e, si a Xunta o permite, nin iso. Cando antes estaba prohibida a venta de madeira queimada, agora se pode. En vez de recuperar o monte con especies autóctonas, promóvese a repoboación extensiva coas especies pirófitas de sempre. Son estas medidas óptimas contra os lumes?

No será ao revés?. Non será que a degradación incesante do monte como ben común e propiedade comunal permite a súa privatización a baixo prezo, e isto favorece o desmantelamento da Galiza rural?. Non serán os lumes parte dun proceso deliberado?.

Outro incendio máis. No que vai de ano ardeu Oia, O Barbanza, O Rosal, O Condado-A Paradanta, Terras de Monterrei, O Bolo, A Ribeira Sacra, A Fonsagrada, A Limia, Os Ancares… e agora O Monte Pindo. A cobiza e a tolemia non respectan nin os lugares máis senlleiros da nosa Terra.

Outro incendio máis, pero a infalibilidade papal déixanos desarmados co son da lira mentras arde Galiza.

Outro incendio máis, e xa non podemos contalos. Non será que a terquedade no fracaso non é tal? Non será que é imposible tanta incompetencia?

Ardeu o Monte Pindo. Non hai palabras de consolo para os nosos compañeiros, nin para nós. Non hai alivio. Só nos quedan a raiba e a loita. A raiba pola criminalidade impune que destrúe a natureza, o noso patrimonio, o noso ser. A furia polo desleixo e a ineptitude con que os gobernos agochan a súa culpable connivencia. E a loita cada vez máis dura pola rexeneración da terra ferida e polo cambio dun sistema político económico criminal e biocida.