carballo_con_botas_pno.jpg

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Xente pequena do mundo: o vindeiro Sábado 21 de maio, ás 12:00 na praza de Cervantes da cidade de Compostela, o grande contacontos Anxo Moure, coñecido polos montes coma «Carballo con Botas», fará unha actuación contacontística e presentará o seu libro-conto Plantarse, nun acto organizado pol@s pícar@s de Verdegaia en colaboración coa libraría Couceiro (que nos acollerá baixo teito se chove). Acompañaranos tamén a máxica ilustradora de Plantarse, Irene Contreras.

Coa actuación do contacontos Anxo Moure e a presentación do seu libro-conto Plantarse, Verdegaia desexa sumarse ás celebracións do Día das Letras Galegas apoiando a creación literaria galega, da que Plantarse é un rico exemplo, e ofrecendo a nenas, nenos e maiores unha actuación por medio da cal compartirmos valores ambientais e deixármonos levar pola ledicia dos contos interpretados en vivo.

O Carballo con Botas, Anxo Moure, leva moito tempo percorrendo o país, ás veces en bici, ás veces a paso de bota, para plantar contos alí por onde pasa. Disque, coma carballos, os contos que planta botan polas e follas na imaxinación de quenes os escoitamos, de modo que tamén nós poidamos sementar novos contos que enriquezan os bosques; os da natureza e os da fantasía1.

Certo día, Irene Contreras quixo regalarlle a Anxo uns debuxos que lle saíran da man. Anxo quedou tan abraiado e agradecido con eles que decidiu xuntalos para procurar un conto. Posto que non atopaba editora que o publicase, Anxo xuntouse con xente amiga para facer unha editora propia, grazas ao cal o conto arraigou na terra e hoxe temos a oportunidade de apalpar e saborear as páxinas de Plantarse, un libro escrito e contado polas árbores2.

Verdegaia é unha asociación ecoloxista galega sen ánimo de lucro, plural, democrática, apartidaria e independente, constituída co obxecto de contribuír desde Galicia para a defensa do ambiente e o avanzo na transformación social e mundial en termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz. Foi fundada o 2 de Abril de 2006.