Acto contra corte de árbores

Verdegaia organizou na tarde do martes un acto de recolla de sinaturas e opinións entre a veciñanza do Calvario sobre as brutais talas que están asolando o barrio. Diante da praza do mercado puidemos compartir por uns intres o sentir da poboación sobre máis un exemplo da total ausencia de sensibilidade das autoridades á hora de planificar unha obra pública.

Tal como vén sucedendo un pouco por toda a cidade, a humanización de Martínez Garrido tamén está deixando un ronsel de destrución: aos 40 plátanos cortados na Primavera de 2011, súmanse agora outros 30 exemplares de grande porte. Unha rúa que, a pesar do intenso tráfico, se caracterizaba polo verde das beirarrúas presenta agora un aspecto desolador no que xa só destacan o asfalto e o cemento.

O concello de Vigo acostuma a cortar sistematicamente tódalas árbores nas rúas suxeitas ás comunmente chamadas humanizacións. Sen entrar a debater a súa necesidade ou os postos de emprego eventualmente creados, calquera obra pública debe ter como obxectivo fundamental aportar un beneficio social á comunidade; emporiso, é intolerable que dende o inicio da carreira por remodelar beirarrúas, aló polo 2009 no marco do flamante Plan E, lévanse cortadas centenas de árbores das máis diversas especies. Esta actitude pon de manifesto un tremendo desprezo tanto cara á veciñanza, que habitualmente se dá conta cando as árbores xa xacen na beirarrúa, como cara ás propias árbores, seres que desempeñan un papel esencial para o medio natural e, polo tanto, tamén para o ser humano.

As árbores non se poden considerar como mero mobiliario urbano, é inadmisible que se cataloguen no mesmo ítem contable que as farolas ou as marquesiñas. Entre outras moitas vantaxes (que os nosos antergos seguramente coñecían ben mellor ca nós) as árbores cumpren un papel fundamental para contrarrestar a inxente cantidade de gases de efecto estufa que diariamente xera o tráfico motorizado. Non obstante, a resposta das autoridades municipais pasa por marxinalizar os medios de transporte máis sustentables e cortar árbores.

Onte pola tarde quixemos por unha banda contribuír co noso gran de area para que o concello teña un mínimo de sensibilidade á hora de planificar vindeiras obras e, por outra, dar voz a unha morea de veciños estupefactos pola desfeita realizada e indignados pola desinformación á que foron suxeitos.
Non nos fica máis que alzar a voz e recordar: “As árbores humanizan”!

 

Para máis información: Tamara – 690 602 112