Esta sábado 30 de Setembro comezamos unha actividade de restauración ambiental no río Couso (O Porriño). A actividade constará de tres xornadas e ten como obxectivo recuperar a riqueza deste pequeno ecosistema mediante a retirada de residuos do leito do río e a extracción de especies invasoras
Verdegaia continúa coa realización de actividades encamiñadas a recuperar o estado natural de espazos naturais con especial valor ecolóxico. Nesta ocasión actuaremos, en colaboración coa oficina de voluntariado, OMIX, do Concello do Porriño, nun treito do río Couso, tamén coñecido como Fonteliño, mesmo ao carón do paseo do Louro no Porriño.
A elección do local desta actividade procura visibilizar un tipo de actividade, a restauración de espazos naturais, que moitas veces realizamos en zonas afastadas e non é observada polo grande público. Programando esta acción nunha zona que moitas persoas de toda a comarca utilizan para pasear e facer deporte iremos demostrar como a recuperación de espazos naturais moitas veces é posible contando simplemente co traballo voluntario e comunitario dos propios veciños.
Programación
A actividade constará de tres xornadas, todas elas en horario de 11 a 13h., os sábados 30 de Setembro, 14 de Outubro e 28 de Outubro. Nas que, despois dunha breve charla explicando os obxectivos da actividade, repartiremos luvas e ferramentas entre os participantes para proceder á retirada do lixo e de especies exóticas invasoras que impiden o crecemento das especies autóctonas.
A participación é gratuíta pero é necesaria a inscrición previa en vigo@verdegaia.org ou 691 657 039. O punto de encontro será na rúa Leandro Diz, 5 (ao lado do paso inferior da liña do tren).
Trackbacks/Pingbacks