Este sábado 14 de Outubro continuamos coa actividade de restauración ambiental no río Couso (O Porriño), será a segunda das tres xornadas organizadas por Verdegaia en colaboración coa Oficina de voluntariado do concello do Porriño.

A primeira intervención foi un éxito de participación e de traballo. Nun ambiente de inmellorable convivencia e coa participación de algúns cativos, os 13 participantes puidemos retirar unha grande cantidade de lixo na que nos sorprendeu a cantidade de zapatos e incluso un para-brisas… Tamén empezamos coa eliminación de especies invasoras como o Bambú e a Tintureira, algo que permitirá á vexetación autóctona desenvolverse correctamente.

Aínda nos fica moito lixo e moitas invasoras que retirar para conseguir restaurar o río Couso polo que animamos a que este sábado 14 de Outubro nos acompañes na segunda xornada.

A elección do local desta actividade procura visibilizar un tipo de actividade, a restauración de espazos naturais, que moitas veces realizamos en zonas afastadas e non é observada polo grande público. Programando esta acción nunha zona que moitas persoas da comarca utilizan para pasear e facer deporte iremos demostrar como a recuperación de espazos naturais moitas veces é posible contando simplemente co traballo voluntario e comunitario dos propios veciños.

Programación

A actividade constará de tres xornadas, todas elas en horario de 11:00 a 13:00, os sábados 30 de Setembro, 14 de Outubro e 28 de Outubro. Nas que, despois dunha breve charla explicando os obxectivos da actividade, repartiremos luvas e ferramentas entre os participantes. Non é imprescindible pero se podes leva botas de auga.

A participación é gratuíta pero é necesaria a inscrición previa en vigo@verdegaia.org ou no 691 657 039.

O punto de encontro será na rúa Leandro Diz, 5 (ao lado do paso inferior da liña do tren).

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás persoas voluntarias que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.