O 24 de Abril estamos chamadas a unha acción global para reivindicar que se poña no centro o medio ambiente e as persoas e se teñan en conta criterios de xustiza social e climática.
A Crise climática é unha realidade que agora ficou oculta tras a crise sanitaria e social provocado polo coronavirus. A saída do confinamento traerá consigo unha nova crise social e económica e de novo un incremento das emisións de gases de efecto invernadoiro que de novo volverán traer á luz a crise climática na que nos atopamos.
Ante a emerxencia climática á que nos enfrontamos é necesario actuarmos con responsabilidade e protexer a vida en primeiro lugar. O quecemento global é consecuencia do noso modelo de produción e consumo que arrisca a nosa supervivencia como especie, ao basearse na explotación ilimitada dos recursos naturais, impactando de maneira inxusta nas poboacións máis pobres e vulnerábeis.
Esta defensa da supervivencia debe levar aos gobernos a asumir o estado de emerxencia climática e, por tanto, tomar medidas ambiciosas e drásticas. Actuar con contundencia hoxe fronte á emerxencia climática evitará os peores impactos ambientais e sociais no futuro.
A Acción Global Polo Clima propón que a sociedade saia do inmobilismo actual e transformar a actividade económica de maneira climática e socialmente xusta. As actuacións que se deberían levar a cabo deben ter en conta dous principios básicos:
- Desde o punto de vista climático, enfrontar unha redución drástica das emisións netas de gases de efecto invernadoiro, en liña coas indicacións científicas e acadando a neutralidade o máis rapidamente posíbel.
- Desde o punto de vista social, consideración absolutamente prioritaria das persoas e dos colectivos vulnerábeis, garantindo para eles unhas condicións de vida dignas.
O chamamento internacional estaba previsto para ser realizado nas rúas pero, ante a crise social provocada polo Covid-19 que nos mantén en confinamento, o chamamento faise a nivel global para ser realizado, desde as casas, coas nosas familias e amizades e a través das redes sociais.
O 24 de Abril #climatestrikeonline #AccionGlobalpoloClima e #AccionGlobalpoloClima24A estamos chamados a mobilizarnos con luces e sombras desde as nosas casas ás 22h. Organízase unha manifestación a través de proxeccións de sombras e sons en fachadas que se reflectirán nas redes mediante fotos e vídeos das mesmas.
Ademais o Movemento Galego polo Clima, do que Verdegaia fai parte, organiza durante toda a semana, do 20 ao 24 de abril, palestras e proxeccións.
Palestras:
- Luns 20 ás 18h.: Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego: Alternativa ao modelo agroindustrial. Esta será a ligazón para a charla: https://meet.jit.si/LUNS20ALTERNATIVAAOMODELOAGROINDUSTRIAL
- Martes 21, ás 18h.: Xulio Carmona, de Ecoloxistas en Acción: 5G e a crise eco-social global
- Mércores 22, ás 17h.: Pablo A. Meira Cartea, Profesor USC especialista em educación ambiental e social: Crise climática en tempos de coronavirus
- Mércores 22, ás 20:15h.: Pablo Guillán, Xuventude polo clima Vigo: Eficiencia enerxética e aforro enerxético no fogar
- Xoves 23, ás 18h.: Membros de Extinction Rebelion Galiza: De camiña á extinción e que facer ao respecto
- Venres 24, ás 18h.: Xosé Veiras, Ecoloxistas en Acción: Covid-19 e emerxencia ecolóxica
(Prestade atención ás redes, nas que iremos informando do acceso ás palestras)
Cinema:
- O Xoves 23 ás 21.30 proxectarase, a través do canal de YouTube de Nós Televisión, Paraíso Roubado de Lukas Santiago, sobre Lourizán e a instalación de Ence na ría.