mag_0054_p.jpgAmarante, Árbore, Emaús, Sindicato Labrego Galego e Verdegaia realizaron o día 22 de Abril, Dia da Terra, unha acción denuncia do modelo de transporte e consumo actual.

(Acción denuncia tivo lugar na Praza de América en Vigo).

22 de Abril de 2009.- Con motivo da celebración internacional do Día da Terra, as entidades convocantes denunciamos a influencia negativa no medio ambiente que xera o uso indiscriminado do transporte privado así como unha actitude consumista xeralizada na sociedade.

O transporte (tanto de pasaxeiros como de mercadorías) é o sector da nosa economía onde máis rápido crecen as emisións de gases de efecto invernadoiro, e polo tanto é un dos que máis contribúe á mudanza climática que está a padecer o planeta.

Cerca do 80% da contaminación das cidades está provocada polos automóbiles, utilizados para o 58% dos desprazamentos de curta distancia en Galicia. Sábese que o  transporte motorizado é a principal causa da perda da calidade de vida nas cidades, pero isto nin se cuestiona nin se permite aceptalo.

Un alto volume de trasporte privado como o que soporta Vigo contamina o ar e aumenta as enfermidades pulmonares, provoca ruidos e incrementa os niveis de estrés, causa atascos, accidentes e ocupa un prezado espazo que lles quita ás persoas. Con todo, a maioría das obras(aparcadorios) que nos rodean nesta cidade caótica, alimentan este modelo de transporte inviáble sustentado no coche, que esquece absolutamente o transporte público colectivo como unha alternativa real e sustentábel perante a problemática do transporte.

Pero non soamentes se desprazan as persoas senon tamén, en marior medida, as mercadorías. Os alimentos que comemos viaxan miles de kilómetros antes de chegar aos nosos pratos, e o mesmo ocurre coa roupa que vestimos, cos zapatos que calzamos, cos aparellos electrónicos que utilizamos, étc. Isto supón un modelo contaminador de tráfego diario de miles de camións, barcos e trenes para transportar mercadurías dun lado ao outro do planeta, cando a maoría das mercadorías podemos atopalas en territorios cercanos.

Para frear a mudanza climática é necesario cambiar radicalmente o sistema mundial de comercio, baseado na importación e exportación de productos e sustentado en normativas que benefician ós países do Norte en detrimento dos países do Sur, reflexado isto na grave crise alimentaria permanente que sofren estes países.

No sector da alimentación por exemplo, se as políticas agrarias estiveran destinadas á mellora das explotacións locais apenas precisaríamos de transporte motorizado e as sociedades, tanto de Europa como do resto do mundo, poderían elexir qué productos producir localmente, mellorar o acceso aos alimentos, crear soberanía alimentar, contribuíndo así a frear a mudanza climática.

Por todo isto, para lembrar á cidadanía a grave problemática da mudanza climática, e esixir aos governantes que reduzan radicalmente as emisións de CO2 e aposten por un cambio radical de modelo tanto de transporte e como de consumo e alimentación, realizamos unha acción reinvindicativa nunha das prazas con máis afluencia de tráfego da Vigo, a Praza de América. Durante a acción repartiuse información sobre consumo, e bloqueouse a Praza con bicicletas, reinvindicando un xeito sustentable de se mover pola cidade.

mag_0047_p.jpg