O vindeiro domingo día 10 de xuño pola mañá, Verdegaia-Vigo organiza unha limpeza na Barreira de Orbenlle (O Porriño),incluida dentro do Espazo Natural da Rede Natura 2000 As Gándaras de Budiño. Sairase da Estación de autobuses de Vigo ás 9:45 h. recollendo xente da Comarca da Louriña que queira participar neste TREVO (Traballo Ecolóxico Voluntario) ás 10:45 h. no aparcadoiro dos observatorios da Lagoa de Budiño. Cómpre levar calzado e roupa axeitados, e luvas se se dispón delas.
Esta é unha actividade que se encadra dentro da Campaña Rede Natura 2000 de Verdegaia dentro da cal o Núcleo Comarcal de Verdegaia-Vigo "adoptou" o espazo natural das Gándaras de Budiño, dentro do que leva realizado nos últimos meses diferentes actividades tais como denuncias de desfeitas (verquidos, aterros,…), roteiros, saídas con colexios, charlas, proxecións de vídeos, a esixencia á Xunta de Galicia e á Confederación Hidrográfica do Norte de medidas urxentes para a conservación deste espazo (esixencia que se levou a cabo con outros 15 colectivos),…
Verdegaia reclama que os espazos da Rede Natura 2000 sexan un referente de sustentabilidade. As Gándaras de Budiño e a súa lenta agonía son un exemplo especialmente grave da desprotección que poden sufrir os espazos da Rede Natura 2000 en Galicia.
Verdegaia reclama a ampliación da Rede Natura 2000, a súa planificación adecuada, maiores orzamentos, o cumprimento estrito da normativa legal que a protexe e medidas para mellorar as condicións de vida das poboacións locais de xeito ambientalmente respectuoso.
A Rede Natura 2000 é unha figura de protección ambiental impulsada desde a Unión Europea, como resultado da aprobación da Directiva Hábitats. Galicia é a comunidade autónoma española que conta con menos porcentaxe de superficie dentro da Rede Natura 2000, con tan só o 12%, fronte á media estatal do 24%. Ademais, esta reducida superficie estase a ver diariamente ameazada por múltiples agresións ambientais e presenta unha enorme carencia de planos e medios para a súa xestión.
AS GÁNDARAS DE BUDIÑO E RIBEIRAS DO LOURO
As ribeiras do río Louro constitúen unha das tres zonas húmidas interiores máis importantes de Galicia. A Xunta de Galicia incluíu no ano 1999, co nome de As Gándaras de Budiño, 959 hectáreas deste espazo natural na Rede Ecolóxica Europea Natura 2000. Sen embargo, nos últimos cinco anos a superficie protexida foi reducida nun 25% o que está a provocar de vagar a eliminación de áreas de alto valor ecolóxico que, na súa meirande parte, foron recalificadas para uso industrial.
As 727 hectáreas actuais áchanse situadas no tramo inferior do río, nos concellos do Porriño, Salceda de Caselas e Tui.
Principais valores
O espazo das Gándaras de Budiño posúe varios Hábitats de Interese Europeo (turbeiras, gándaras, lagoas e bosques de ribeira) dous dos cales (as gándaras e os bosques de ribeira) están considerados pola Unión Europea como Prioritarios.
En canto á fauna, cómpre destacar a presenza de 2 especies catalogadas en perigo de extinción na Galiza (o sapoconcho e o charneco como nidificante) e unha grande potencialidade para abeirar varias especies de aves rexistradas no referido catálogo que foron desaparecendo nos últimos anos como a garza pequena, o demo negro ou a cegoña branca. Tamén conta con 3 especies de anfibios catalogadas provisionalmente como vulnerábeis (a salmántiga, a ra patilonga e o sapo de uña negra), unha máis de aves (a escribenta das canaveiras) e outra de mamíferos (a auganeira). En total, arredor de 150 especies de vertebrados moran ou utilizan os ecosistemas das Gándaras de Budiño nalgunha época do ano.
Respecto da flora, existen 2 especies catalogadas en perigo de extinción en España e 7 ameazadas na Galiza. A maioría destas nove especies áchanse nas turbeiras e gándaras.
Consérvase tamén un rico patrimonio cultural. Os cruceiros vencellados ao Camiño Portugués, as pontes, pontellas e poldras e algún muíño, son os elementos arquitectónicos máis destacados.
Débese tamén sinalar a existencia de restos prehistóricos ao longo e largo da chaira: castros, mámoas e asentamentos paleolíticos. O xacemento das Gándaras de Budiño está considerado como o máis destacado do paleolítico galego. Na actualidade encóntrase abandonado fóra dos límites do espazo protexido.
As actividades agrícolas e gandeiras reducíronse considerabelmente nas derradeiraas décadas malia que continúan nas zonas próximas ás aldeas. Os principais aproveitamentos forestais son o do choupo na chaira e o do piñeiro e eucalipto nas abas.