campa_courel.jpgA Federación Ecoloxista Galega (FEG) considera escandaloso que se xustifique a legalización da canteira da Campa, na serra do Courel, por non estar dentro da Rede Natura 2000. A maior parte da área do Courel excluída da Rede Natura 2000 en 2004 reúne os mesmos valores que o resto do espazo natural, e a súa exclusión responde a prácticas fraudulentas de concesións realizadas polo anterior goberno, das que o bipartito parece que quere ser cúmplice.

A FEG, da que forma parte Verdegaia, está interesada en coñecer se a documentación xustificativa que chegou ao Consello da Xunta para resolver o expediente de autorización e legalización da Canteira de A Campa – Santa Eufemia, que ameaza unha parte central da Serra do Courel, incluía información relevante sobre a circunstancia de que precisamente a área en cuestión estivo incluída durante cinco anos na Rede Natura 2000. O mero feito de ter sido publicado no DOG, como proposta na lista da Rede Natura 2000 a enviar ao Ministerio de Medio Ambiente (encargada de coordinar a proposta española perante Bruxelas) supoñía a condición para ser considerada, a efectos prácticos de xestión, como espazo Natura 2000 segundo o disposto na Directiva de Hábitats 92/43, no seu artigo 4 apartado 5, mentres non fora resolto definitivamente pola Unión Europea.

No ano 1999, a Consellería de Medio Ambiente publicaba no DOG Nº 216, do martes 9 de novembro, na páxina 13130, a “Orde do 28 de outubro de 1999 pola que se declaran provisionalmente as zonas propostas para a súa inclusión na Rede Europea Natura 2000, como espazos naturais en réxime de protección xeral”. No que atinxe ao Courel, incluíanse varios vales forestais que inclúen e rodean a zona de extracción mineira de lousa que vén de ser legalizada.

Posteriormente, no ano 2001 (DOG Nº 118, do 19 de xuño), e no ano 2003 (DOG Nº 115, do 9 de xuño), o espazo en cuestión foi novamente recoñecido como zona da Rede Natura 2000.

Exclusión da Rede Natura 2000 por presión do sector pizarreiro.

Pero foi no ano 2004, a raíz das negociacións mantidas polo sector pizarreiro coa Xunta, cando a Consellería de Medio Ambiente decidiu excluír, da noite para a mañá, sen xustificación aparente e sen ofrecer ningunha resposta ás diferentes organizacións ecoloxistas que denunciaron esta sorprendente e anómala decisión, unha importante superficie da zona centro sur da Serra do Courel.

Así figura publicado na cartografía recollida no DOG Nº 95, páxina 7082, do mércores 19 de maio de 2004. Pódese comparar o “guillotinazo” que deixaba un burato na zona centro sur do Courel. Xusto ao mesmo tempo, a Consellería de Medio Ambiente, por medio da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, formulou a Declaración de Impacto Ambiental da Canteira, con data do 25 marzo do 2004, relativa ao proxecto de explotación da Campa n° 5367.2. Nela xa se recolle que a zona está excluída da Rede Natura 2000, a pesar de que esa decisión formalizouse un mes máis tarde, con data do 30 de abril do 2004, por parte da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

MAPA COMPARATIVO

mapascourel.jpg