ence.jpg

Verdegaia denuncia que para a maioría das estacións de medición das concentracións de contaminantes atmosféricos no aire situadas na contorna de industrias non se divulgan datos sobre os valores obtidos nelas. A Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas non vela adecuadamente polo bo funcionamento e a difusión da información destas estacións de vixilancia da calidade do aire xestionadas polas industrias. A resultas dunha queixa perante o Valedor do Pobo presentada por Verdegaia, a Xunta recoñeceu que moitas destas estacións non serven para avaliar a calidade do aire.

 

Verdegaia, xunto coa confederación estatal Ecologistas en Acción, comezou o seu traballo de difusión e valoración dos datos oficiais sobre a calidade do aire en Galicia cos correspondentes ao ano 2006, observando que nos informes anuais da Xunta para anos sucesivos (que se fan públicos no ano seguinte) diminuiu drasticamente o número de estacións industriais de vixilancia da calidade do aire para as que se difundiron datos. Así, pasouse de 50 estacións con datos públicos para 2006, a 19 para 2007, a 18 para 2008 e a 29 para 2009. Entre as estacións para as que se deixaron de divulgar datos figuran estacións situadas na contorna de ALCOA-San Cibrao, ENCE e FINSA-Santiago nas que en 2006 se superaran valores límite legais para polo menos un contaminante atmosférico.

Ademais do probable desexo de ocultar información dalgunhas estacións industriais, semella que boa parte das 63  existentes son pouco ou nada útiles. É o que se pode deducir da resposta da Xunta ao Valedor logo de que este tramitase unha queixa presentada por Verdegaia, resposta na que se afirma que para "moitas" estacións  "os datos obtidos non son válidos  para control da saúde humana" e só serven para alertar de "grandes emisións".  Todo indica pois que a vixilancia da calidade do aire na contorna do conxunto das industriais máis contaminantes de Galicia é deficiente e non permite comprobar en moitos casos o cumprimento dos valores límite para a protección da saúde humana estabelecidos na lexislación ou dos recomendados pola Organización Mundial da Saúde (máis estritos que os vixentes na UE).

A Xunta debería velar polo bo funcionamento das estacións industriais e ademais difundir na súa web sobre calidade do aire datos en tempo real para todas as estacións industrais, como xa fai para as estacións urbanas desde o ano pasado. Porén, só divulga información con carácter anual (tamén o fixo con carácter mensual para algúns meses de 2009) e só para un numero reducido de estacións de todas as teoricamente operativas. Ademais de para algunhas das estacións  doutras industrias,  para 2008 e 2009 non se ten divulgado nin un só dato de ningunha das estacións situadas na contorna da central térmica de Sabón (GAS NATURAL-UNIÓN FENOSA), de CEMENTOS COSMOS (Sarria), de ENCE (Pontevedra), de FERROATLÁNTICA-Sabón, de FERROATLÁNTICA-Dumbría, de FINSA (Santiago), de MATERIALES DEL ATLÁNTICO (Narón)  e de SOGAMA (Cerceda).

 Máis información:

pdf Evolución da situación da rede industrial de vixilancia da calidade do aire