Reflexión de Verdegaia ante o sistema enerxético galego frente á invasión de megaparques eólicos
Verdegaia somos parte das organizacións que convocan a marcha baixo o lema “Eólica, así non!” o 5 de xuño, día do medio ambiente. Sabemos que as manifestacións son momentos de acción, de sacar a protesta a rúa. Se cadra non é o mellor contexto para reflexións de fondo. Porén, tanto pola efeméride como pola complexidade e urxencia do tema, non queriamos desaproveitar a ocasión para partillar certas cuestións sobre o sistema enerxético galego e a urxencia de repensalo e actuar ao respecto.
Primeiro, algúns datos que poden tirarse do último informe do INEGA (Instituto Enerxético de Galiza) para o ano 2019:
- O 80% da enerxía mobilizada para o sistema enerxético galego é importada, fundamentalmente en forma de petróleo e en menor medida gas natural.
- Un 18% do total desa enerxía vaise en perdas antes do consumo, perdas que corresponden case na súa totalidade á enerxía importada.
- A electricidade é só un 24,2% da enerxía total dispoñíbel no sistema galego. Dela, un 88,7% xérase aquí e a maior parte vén da produción eólica.
- O maior consumo enerxético corresponde a derivados do petróleo relacionados co transporte, un 20,5%, fronte a un 17% de consumo eléctrico.
- Aínda que soe paradoxal, Galiza exporta máis dun 37% da enerxía da que dispón, sobre todo en forma de produtos petrolíferos elaborados e electricidade (sobre un 40% da electricidade dispoñíbel en Galiza exportouse en 2019).
Se ollamos o sistema máis alá do segmento da electricidade vemos que Galiza segue a ser importadora neta de enerxía. Tamén somos parte do problema das emisións de gases contaminantes e de efecto invernadoiro. Non podemos esquecer que o cambio climático ameza a vida enteira do planeta e provoca xa millóns de mortes de seres humanos cada ano.
Porén, a nosa produción eólica forma parte dun sistema baseado antes no beneficio empresarial que na lóxica de readaptar o modelo enerxético aos retos ambientais e sociais. Esta forma de entender a enerxía eólica non é parte da solución, senón do problema. Non sairemos do borde do abismo puxando coas mesmas dinámicas e na mesma dirección que nos levaron até aquí. A lóxica capitalista do beneficio ante todo, da necesidade da explotación permanente e máxima de todo recurso humano ou natural, devolve moita capacidade material de produción e transporte, pero moi pouca de conservación e coidado.
É claro que non vai quedar outra vía para a humanidade nun futuro moi próximo que a substitución das enerxías fósiles polas renovábeis, e os nosos gobernos sábeno. Neste sentido, é lexítimo e imperioso manifestármonos contra a depredación por parte das multinacionais dun recurso que vai ser imprescindíbel no futuro, e que debería ser público e común.
Mais a nosa relación xeral coas enerxías debe partir de principios radicalmente diferentes para non caer nos mesmos erros. As renovábeis non son positivas per se, só por emitir menos gases de efecto invernadoiro, tamén deben valorarse dende moitos outros elementos. E sobre todo, precisamos decrecer, reducir as nosas necesidades materiais e enerxéticas en gran medida empregadas en cuestións totalmente prescindíbeis para unha boa vida. Non temos que renunciar á busca da felicidade e o benestar, só facelo con outros criterios que o consumismo, uns que partan do respecto ao resto de seres humanos e seres vivos do planeta e que permitan un futuro con todas as posibilidades, sen que dilapidemos no presente todos os recursos e deixemos só o noso lixo como legado.
Michael E. Mann, un dos climatólogos que alertou sobre a correlación entre os gases de efecto invernadoiro e a emerxencia climática insiste nunha obra recente, The New Climate War, en que a peor actitude é non facer nada, advertindo contra os discursos agoireiros, xa que non todo está perdido. Mais tampouco podemos confiar en solucións “máxicas” como tecnoloxías innovadoras que aínda non existen. Por outra banda, as solucións individuais son importantes, mais o peso da loita contra a emerxencia climática non debe caer só nas persoas, de modo illado, pois isto adoita crear o rexeitamento na poboación xeral. E ademais, só 100 empresas producen o 71% das emisións de GEI.
Requírese un cambio sistémico que no noso país tería que pasar por:
- A xustiza social, con unha verdadeira redistribución das riquezas.
- A eliminación da dependencia do coche privado mediante a consolidación dun transporte público de calidade.
- Unha potenciación do rural dotándoo de recursos de proximidade (ensino, sanidade, comunicacións…).
- A implantación dunha nova revolución verde no país, esta vez non agro-industrial senón agroecolóxica, que nos permita afrontar a eliminación dos combustibles fósiles e a escaseza de alimentos derivada da emerxencia climática, o que implicaría tamén a mudanza da política forestal.
- O establecemento de políticas enerxéticas que pasen pola creación de redes de produción de enerxías limpas de proximidade en mans de pequenos produtores e polo aforro enerxético con medidas como a rehabilitación das vivendas e edificios para adaptalos e ese modelo.
- Unha redución drástica do noso consumo enerxético e do tamaño das cadeas de circulación dos recursos enerxéticos na relación entre lugares de produción e consumo.