Verdegaia apoia a Alianza pola Vivenda Vigo, que o próximo venres 5 de xuño organiza unha Manifestación na Praza dos Cabalos ás 20h.

MANIFESTACIÓN A VIVENDA CÚSTANOS A VIDA.

Vigo é a cidade de Galicia co alugueiro máis caro (+800€/mes de media). O prezo do alugueiro subiu un 70% na última década mentres os salarios só un 10%. Somos cada vez máis pobres mentres que unha minoría se enriquece á nosa costa.

Por que pasa isto? A especulación converteu a vivenda nun auténtico inferno. Dá igual que sexas unha boa inquilina e cumpras coa túa obriga, cando remate o contrato poderán botarte para subir abusivamente a renda.

E a mocidade e o estudantado? Vese privado do seu dereito á educación por non poder pagar o aloxamento.

Como frear a especulación? Con alugueiros indefinidos, aplicando o control de prezos previsto na lei de vivenda, baixando por lei os prezos, rematando coa proliferación dos pisos turísticos e coa fraude de alugueiro de tempada e por habitacións, ampliando ata a media europea do 15% o parque de vivenda público que hai co xa construído para alugueiro social e asumible.

Que pasa coas familias vulnerables? Nin o concello nin a Xunta garanten alternativa habitacional e o senfogarismo non deixará de aumentar pola morea de desafiuzamentos que se aveciñan.

ESPECULADORES CULPABLES, GOBERNOS RESPONSABLES

QUÉRENNOS FÓRA PERO TERANNOS DIANTE E XUNTAS!

POR UNHA VIVENDA DIGNA, ESTABLE E ASUMIBLE