politica_ambiental_ue.jpgA confederación ecoloxista estatal  Ecologistas en Acción elaborou un informe sobre a política ambiental da Unión Europea. O informe ten dúas partes. Nunha primeira  descríbense indicadores globais (pegada ecolóxica, requerimento total de materiais,…) que avalían a sustentabilidade do proxecto europeo. Na segunda desglósanse as políticas concretas que se están a promover en distintos eidos (transporte, agrario, alteracións climáticas,…).

A conclusión principal do informe é que a Unión Europea é estruturalmente insustentable. Algúns dos indicadores que sinalan isto son:

Pegada ecolóxica: A pegada ecolóxica mede a cantidade de territorio que require manter o consumo da poboación europea. Cada europe@ utiliza 4’7 hectáreas, mentres a biocapacidade do territorio é de só 2’2 hectáreas por habitante.

Requerimento Total de Materiais: É a cantidade total de materia que necesita a economía da Unión Europea para o seu funcionamento. Este indicador foi medrando paulatinamente até acadar as 514 toneladas por habitante e ano. Ademais, pódese aprezar como a maioría desas 514 toneladas son de orixe non renovable (88%) e a porcentaxe importanda crece ano a ano atinxindo o 39%. Isto fai que os impactos ambientais sexan cada vez maiores.

Normativa ambiental: Ao analisar a normativa, a organización ecoloxista detectou que o grao de incumprimento da mesma é moi alto, e a tendencia xeral é cara a uns obxectivos orientativos e voluntarios, prazos de cumprimento laxos e mesmo eliminación da xa existente. En calquera caso, Ecologistas en Acción tamén puido constatar como a normativa ambiental da Unión é unha das máis avanzadas do mundo.

Política orzamentaria: Comparando os orzamentos destinados á  defensa da contorna e á destrución da mesma o balanzo é moi negativo.

Respecto ás políticas sectoriais Ecologistas en Acción salienta:

No sector do transporte, a Unión Europea está inmersa nun plan de construción de máis autovías e liñas de alta velocidade (o TEN-T), cando o transporte xa é o responsable do 21% das emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera (o 80% das mesmas débense á estrada).

A Unión Europea é a responsable da emisión do 24% dos gases de efecto invernadoiro existentes na atmosfera. Porén, a Unión non vai polo camiño de cumprir o Protocolo de Quioto e acaba de pór en marcha un plan de loita contra as alteracións climáticas totalmente insuficiente que, por exemplo, permite aumentar as emisións a España aínda máis.

No plano urbanístico o solo artificializado aumentou nos últimos 10 anos un 20%, mentres a poboación só o fixo un 6%.

A política agraria da Unión, a Política Agraria Común, levou a un sobreuso de pesticidas, abonos sintéticos, auga e a unha preocupante concentración das subvencións na grande produción cara a exportación. En cambio, a agricultura ecolóxica supón só un 3’8% da que se practica na Unión Europea, aínda que é unha porcentaxe que está medrando.

No que atinxe á biodiversidade, na actualidade existen máis de 700 especies en perigo de extinción en Europa e a propia Comisión Europea recoñece que os esforzos da Unión están sendo insuficientes.

Por último, a produción de lixo aumentou un 14% nos últimos anos, alcanzando os 515 kg/persoa en 2006. En paralelo tamén se incrementou de xeito moi importante a produción de sustancias tóxicas, sen que normativas como o REACH estean conseguindo parar esta tendencia.

Documento: Política ambiental de la Unión Europea: insostenibilidad estructural.