sincabeza_contele.jpgCon motivo da celebración da Semana Internacional sen Televisión do 21 ao 27 de abril, Verdegaia e Ecologistas en Acción queren denunciar o papel que este aparello xoga na ocultación da crise ambiental e na destrución das relacións sociais. Esta semana pretende chamar a atención sobre o modelo de vida destrutor e insostible que a televisión publicita cada día a través de mensaxes directas de publicidade de todo tipo de produtos, incitando a un consumo sen cuestionamentos, normalizando este modelo entre a sociedade. A súa incidencia é moi importante se temos en conta que a meirande parte dos estudos coinciden en que as persoas adican un tempo equivalente a 11 anos completos da súa vida a ver a televisión. 

Verdegaia e Ecologistas en Acción lembran que detrás da aparente función de entretemento ou información, atópase outro obxectivo máis importante: incitar ó consumo masivo dos produtos e servizos que venden as compañías que se anuncian ou son directamente as propietarias das cadeas de televisión.

Neste momento de crise socio-ambiental, ocasionada pola superación dos límites físicos do planeta no referente á extracción de materiais e á xeración de residuos, a televisión obvia a necesaria redución da presión humana sobre os recursos naturais e convértese na emisora principal da falacia imposible de continuar medrando co modelo actual, aínda que sexa á custa da miseria de moitas persoas no presente e das posibilidades de pervivenza no futuro.

A televisión aproveita a dificultade que ten o cerebro para distinguir entre a realidade e as imaxes virtuais. Desta forma, reduce e degrada as interaccións das persoas entre si e co territorio ao substituílas pola contemplación dun espazo virtual seleccionado intencionadamente para servir á comercialización a grande escala. A TV dificulta o uso do pensamento complexo (abstracción, imaxinación, reflexión) e polo tanto diminúe a posibilidade de entender criticamente (con capacidade da analizar causas e consecuencias) moitas das súas propostas, en especial as de natureza comercial.

Esta escapada virtual, é dicir, a substitución da ollada á realidade pola ollada ás pantallas, está facendo que moitas persoas cheguen a desentenderse da destrución que sofren os territorios e os sistemas vivos. As persoas péchanse nas súas casas e pasan moitas horas diante da televisión, en detrimento da relación coas persoas "reais" máis próximas: veciños e veciñas, compañeiros e compañeiras ou familiares. As persoas reais substitúense por personaxes virtuais (esta pode ser unha das razóns do éxito das teleseries e dos personaxes da prensa rosa), dificultándose con isto a articulación de relacións sociais, imprescindibles para a sobrevivencia e o coidado do territorio.

Como tecnoloxía de implantación de imaxes no cerebro, a TV permite "falar" directamente ó interior da mente de millóns de persoas e depositar nela, imaxes capaces de lograr que a xente faga o que doutro xeito sequera pensarían facer. Publicítase en boa medida todo o que non se precisa.

A televisión mostra e fai apetecible e inofensivo un modo de produción e consumo obsceno que deteriora irremisiblemente o planeta do que dependemos. Destrúe a enorme diversidade de producións locais (que carecen de poder para influír na televisión), en xeral menos agresivas para o medio ambiente, e substitúeas por unha produción masiva e homoxénea controlada por un número moi reducido de grandes compañías.

A televisión, ao illar ás persoas, que deixan de comunicarse, e desconectalas do territorio, convértese con frecuencia nun referente superior á mesma realidade. O que non sae na televisión non existe.

É necesario denunciar o papel que a TV cumpre na degradación das relacións humanas e da natureza. O mellor xeito de minimizar os seus efectos é apagala directamente.

Analizando esta problemática tan normalizada na sociedade actual, Verdegaia organizará durante o mes de maio dúas actividades directamente relacionadas coa publicidade, co obxectivo de crear conciencia crítica e capacidade de análise dos anuncios que nos rodean diariamente, vaiamos onde vaiamos.