• Para atallar a emerxencia climática cómpre mudar o modelo de mobilidade, non aplicar unha fiscalidade marrón bonificando as prácticas máis contaminantes

O anuncio da subvención ao consumo dos combustíbeis fósiles pon de manifesto que conceptos como “transición ecolóxica” ou “desenvolvemento sustentábel” non son máis que lemas publicitarios dun goberno que nunca os tomou en serio.

A subvención de 15 céntimos con cargo ás arcas públicas ao consumo de gasóleo e gasolina é un incentivo ao uso dos medios de transporte máis contaminantes que son responsábeis polo 21,6% das emisións de CO2 e os principais emisores de óxidos de xofre e de PM2.5 causantes de serias doenzas respiratorias sobre todo nos núcleos urbanos.

Unha subvención que se suma a unha extensa lista de medidas que retiran competitividade aos medios de transporte colectivos máis sustentábeis:

  • exacerbada construción de vías de alta capacidade (ampliación da AP-9, construción da circunvalación de Pontevedra (A-57), da Autovía Teo-A Estrada (AG-59) ou da VAC Baixo Miño…)
  • constantes axudas para renovar o parque automóbil;
  • permisividade que gozan coches/motos para incumprir as normas de tráfico (non se respectan novos límites de velocidade, ocupación beirarrúas ou carrís bici…).

Na Galiza cómpre promover o transporte colectivo (trens de proximidade e autobuses) porque actualmente non é unha opción de mobilidade atractiva:

  • ampliando os servizos, a rapidez e as frecuencias
  • coordinando os distintos medios para mellorar a intermodalidade
  • abaratando os seus prezos para as persoas con menos recursos e mellorando a integración tarifaria
  • desenvolvendo accións para mellorar a accessibilidade, o confort e a seguridade
  • acrecentando a información (estática e dinámica) das distintas posibilidades de transporte colectivo

Esas medidas son unha peza fundamental para contribuírmos a limitar o quecemento global a 1,5ºC, pois Galicia debería reducir as súas emisións de GEI en, polo menos, un 65% xa en 2030, con respecto a 1990.

Indican os científicos que os impactos continuarán aumentando se se atrasan os cortes drásticos nas emisións de gases de efecto invernadoiro e que afectarán ás vidas das crianzas de hoxe no futuro e as dos seus fillos moito máis que as nosas. Pero cunha acción inmediata agora, aínda é posíbel evitar impactos drásticos, como recolle o último relatorio do IPCC do que nos fixemos eco.

Para garantir con éxito o noso propio futuro e o futuro das próximas xeracións, hai que ter en conta os riscos climáticos en cada decisión e planificación. Temos o coñecemento e as ferramentas. Agora tócanos elixir.