sol.jpgCon motivo do Día do Sol (21 de xuño), Verdegaia denuncia o enorme atraso no desenvolvemento da enerxía solar fotovoltaica en Galicia. A ínfima produción galega de electricidade fotovoltaica non se explica pola falta de recurso senón pola insuficiencia das políticas de fomento. A solar fotovoltaica tan só achega o 0,06 % da xeración eléctrica do país (2009, último ano para o que hai información). Verdegaia reclama un forte impulso á fotovoltaica, unha enerxía renovable, autóctona, segura, de baixo impacto ambiental, intensiva en emprego, cada vez máis barata e democratizadora da produción eléctrica.

Galicia conta na actualidade con só 10 MW (megavatios) de potencia instalada, potencia equivalente á dun parque eólico pequeno. A potencia per cápita é de 4 W/habitante, o que nos sitúa á cola do Estado español. Alemaña, un país con menores níveis de irradiación solar pero moito máis comprometido coa enerxía solar, atinxiu xa os 212 W/habitante.

Como resultado dos apoios derivados do Decreto estatal 661/2007, a potencia solar fotovoltaica instalada na nosa terra  multiplicouse por 4 entre 2007 e 2008, pasando de 2 a 8 MW. Porén, o recorte nas tarifas e o estabelecemento de límites á potencia a instalar introducidos polo Goberno na regulación posterior fixeron que o seu desenvolvemento se teña ralentizado de novo, de tal xeito que o 2010 foi definido polo sector fotovoltaico español como un "annus horribilis". Ao tempo que couta o despegue da fotovoltaica,  o Goberno estatal vén de entregar ás térmicas de carbón e gas natural das grandes eléctricas 1.100 millóns por garantía de subministro, que hai que sumar a outras axudas como as do coñecido decreto que prima a queima de carbón español nas térmicas.

Ao recuo no apoio á fotovoltaica por parte do Goberno hai que sumar o tradicional desinterese da Xunta e dos Concellos por dar un impulso forte á fotovoltaica no noso país. A pretensión da Xunta de canalizar parte do investimento dos Plans Empresariais Eólicos aprobados ao abeiro do Decreto eólico 205/1995 cara ao sector solar quedou en nada e o Plan de Fomento da Enerxía Solar en Galicia 2002-2010, non orzamentado, de pouco valeu. A falta de compromiso político coa fotovoltaica continuou até hoxe e plásmase no documento de inicio do Plan Enerxético Estratéxico de Galicia 2010-2015 da Xunta, que se conforma con atinxir unha potencia de tan só 12,5 MW en 2015. É dicir, a aspiración do Goberno galego é que se instale en Galicia durante 5 anos a mesma potencia que en Alemaña se instalou en 3 horas durante 2010 (instaláronse un total de 7.411 MW).

No marco dunha planificación enerxética que decreza o consumo de enerxía e procure o antes posible un sistema enerxético 100% renovable, para responder aos urxentes desafíos das crises enerxética e climática globais, Verdegaia reclama unha aposta firme polo desenvolvemento da fotovoltaica, priorizando fortemente a xeración distribuída en edificios sobre os parques solares. Para iso, entre outras cousas, cómpre unha regulación estable e máis favorable, maiores subvencións para a compra de paneis -o orzamento da da Xunta para este fin en 2010 non chegou nin ao millón de euros-, a instalación masiva de paneis en edificios públicos, ou campañas de difusión do seu potencial e vantaxes.

Ademais do Goberno estatal e da Xunta, os Concellos tamén poden facer moito pola enerxía solar, como está a amosar o caso do municipio de Rivas-Vaciamadrid (Madrid), no que o programa "Rivas Solar" estabeleceu unha interesante fórmula de financiamento que permite a particulares e comunidades financiaren a instalación de placas solares cos ingresos mensuais da venda de electricidade, sen teren que desembolsar ningunha cantidade inicial.