prestige por thewritingzone en FlickrOnte, 13 de novembro  de 2013, saiu a sentenza  do caso Prestige.  Desde VERDEGAIA consideramos insultante e patética esta sentenza como consideramos no seu momento insultante e patético o xuizo que se ía celebrar e que denunciamos como unha grande farsa. Con esta sentanza o único que queda claro é que os delitos medioambientais quedan impunes, que non asumimos a catástrofe  social, económica e ambiental que aconteceu e que non asumimos que non se soubo xestionar.

Con pena comprobamos unha vez máis que non hai xustiza, pero non esperabamos muito máis xa que este proceso estivo viciado desde o seu comezo  ao non sentaren  no banquillo todas as  persoas ou organismos que realmente deberían estar imputadas, ao non se ter evaluado de forma seria as consecuencias e ao non se ter recoñecido desde a administración os erros cometidos. Temos que escoitar con abraio cousas como que “Non houbo equivocación e que o Prestige non levaba rumbo suicida” cando vimos de repetir ata a saciedade que alonxar o buque da costa foi un grande erro. Pronto esqueceron que entre o 13 e o 19 de novembro, ante a oposición de colectivo científico e de xentes do mar, as autoridades tomaron a decisión de alonxar o barco da costa sen tomar en conta a metereoloxía e as correntes mariñas, tomaron unha decisión política irresponsabel e demasiado custosa  e as consecuencias de todo aquilo, que aínda que silenciadas son ben coñecidas por todos nós, para eles non existen, nengún responsable político pagou por un desastre ecolóxico de tal magnitude que afectou á costa galega de norte a sul, chegando a Asturias, Cantabria, Euskadi e Francia…


A conclusión que tiramos de todo isto é que non dimos aprendido nada, que de acontecer outro desastre similar fronte as nosas costas, a situación voltaría a repetirse exactamente igual. A incompetencia dos que nos gobernan e a suma de intereses económicos presentes no negocio marítimo, a ausencia dunha política marítima eficaz, a dispersión de responsabilidades, a falta de políticas de prevención, a inexistencia de normas uniformes en materia de calidade dos barcos, a falta de control e a impunidade no referente a inspección de buques e control de contaminación  fan que en calquer momento podamos vivir un novo Prestige.

Onte 13 de novembro de 2013 unha cousa nos quedou clara a todos e todas: A democracia é somente unha palabra vacía,  a xustiza non existe e contaminar e destruir a terra sae moi barato.

Descarga aquí un artigo que Verdegaia escrebeu pouco antes de comezar o xuizo do caso Prestige, onde argumentabamos o que pensabamos e esperabamos de todo este proceso.