A rede de colectivos A Ría Non Se Vende, da que fai parte o Núcleo Comarcal de Verdegaia en Vigo, vén de presentar ante o rexistro nas oficinas da Xunta en Vigo as últimas dos milleiros de alegacións presentadas ante o chamado Plano Viario Integral-Vigo Integra. Cada un dos colectivos que forman parte da rede presentou alegacións a nivel individual e tamén entre todos presentaron unha alegación conxunta asinada por todos e cada un dos colectivos integrantes da citada rede.

O pasado 1 de setembro celebrouse en Vigo unha asemblea de representantes de diversos colectivos da contorna a máis dos que forman parte da Ría Non Se Vende onde se acordou centrar esforzos na redacción de alegacións nun primeiro momento para, a partir de agora, iniciar unha serie de mobilizacións conxuntas encamiñadas a conseguir a retirada e arquivo definitivo do Plan Vigo Íntegra. Queriamos destacar con esta acción a unanimidade de tan diversas asociacións de toda a contorna da Ría de Vigo, ante un Plan que constitúe unha ameaza de destrución para a maioría das nosas parroquias e concellos.

O Plano Vigo Íntegra establece un modelo de mobilidade baseado nas estradas de alta capacidade como infraestruturas principais, practicamente únicas, para o transporte de persoas e mercadorías na área de influencia de Vigo. Este Plano elude o transporte público, fomenta o uso do vehículo privado e o transporte pesado de mercadorías por estrada, aumenta o consumo de petróleo e agrava a contaminación atmosférica, favorecendo o cambio climático. Baseado nun modelo obsoleto de mobilidade, que destrúe o territorio e os seus valores económicos, sociais, culturais, etnográficos, ambientais, paisaxísticos e identitarios. Este plano esquece totalmente o transporte público, estimulando aínda máis a utilización do vehículo privado e o movemento de mercadorías por estrada, xerando máis contaminación e aumentando aínda máis a nosa xa grande dependencia do petróleo. A cambio, pretende investir 2.000 millóns de euros nunha rede de infraestruturas viarias cuxa viabilidade está condenada, a curto prazo, pola inminente crise enerxética.

Descarrega e lé as alegacions_vigo_integra