Hoxe en Cangas, unha vez máis, a intención de reiniciar as obras en Massó tinxiuse de violencia e represión, pero desta vez sobardou todos os límites. Dende primeira hora da mañá, numerosas veciñas e veciños de Cangas, e membros de colectivos sociais e ecoloxistas, que facían garda no Salgueirón, como cada mañá, para impediren as obras ilegais do porto deportivo de Massó, foron agredidos violentamente e detidos pola Garda Civil. A Rede Galiza Non Se Vende (RGNV) amosa a súa indignación por este novo acto autoritario, que criminaliza todo protesto lexítimo en defensa dos valores da ría, e denuncia que, unha vez máis, a Garda Civil está a protexer intereses privados, protexendo unha obra ilegal con enorme impacto socioambiental, en vez de protexer e tutelar o interese xeral e colectivo e o respecto á legalidade vixente.

A DESTRUCION DA RIQUEZA COMUN

Na zona mariña de Massó que pretende estragarse coa construción do porto deportivo, faenan arredor de 500 persoas. Dela tense sacado máis dunha tonelada de ameixa nun só día. Pero tamén polbo, camarón, navalla, ostra, centola, ourizos… Os seus fondos de maërl son especialmente ricos en biodiversidade, dos máis ricos da ría, e constitúen unha zona de alevinaxe de moitas especies.

A ILEGALIDADE COMO MEDIO, A REPRESION COMO SISTEMA

As ilegalidades e irregularidades que rodean este proxecto son de enorme magnitude. Baste dicir, por mor da brevidade, que a empresa construtora chegou a inscribir no Rexistro da Propiedade de Cangas como pleno dominio un espazo de dominio público marítimo-terrestre.

Esta mañá varios camións e escavadoras, sen ningunha licenza para tal actividade, pretendían acceder pola zona da Torre (inmediacións do edificio principal da antiga factoría de Massó) ao punto de vertedura de entullos fronte á fábrica para poder seguir executando as obras. Unhas 15 persoas que tentaban de forma pacífica (nunha sentada) impedir o acceso dos camións que non contaban con licenzas foron desaloxadas violentamente e agredidas pola Garda Civil, e varias resultaron feridas. Unha ambulancia recollía a un membro do Foro Social de Cangas tras recibir unha forte agresión nunha perna recentemente operada.

Despois da carga da Garda Civil, nun clima de tensión e nerviosismo, leváronse a cabo numerosas detencións (16 persoas) baixo cargos ficticios, para evitar que seguiran os protestos e entorpecementos das obras, que ata agora foran paralizadas.

Entre os detidos están numerosos activistas de colectivos integrantes da rede Galiza Non Se Vende: Tiago, do Foro Social, detido e esposado por estacionar o vehículo diante das obras; Sangabriel, do Foro Social de Cangas, agredido cun mocazo na cara; Edi, de Bouzas Móvete, agredido e esposado; Sabela, de Verdegaia, agredida e lesionada nunha perna; Pichi, de Luita Verde; Pasatem, de Caleidoskopio; Pipas, de Fuga em Rede; Iria, da Ría Non se Vende; todos eles inmobilizados de forma violenta e detidos sobre as doce do mediodía. Da mesma forma, detiveron a Marichu Álvarez, do grupo municipal ACE do Concello de Cangas. A moitos dos detidos os trasladaron esposados até os furgóns como se de criminais se tratase. A indignación veciñal por estas detencións supuxo a unánime repulsa e o enérxico protesto dos alí presentes (20-30 persoas), grupo que aumentaba en número pola chegada de novos veciños que secundaban a protesta e apoiaban aos compañeiros e compañeiras detidas.

Sobre a 13 horas, a maquinaria pesada seguía intentando acceder á zona a pesar dos protestps. O concelleiro de Urbanismo de Cangas, Mariano Abalo, que chegou ao lugar cando tivo coñecemento dos feitos, ordenou a paralización de toda manobra da maquinaria pesada.

Malia a represión que os colectivos, veciñas e veciños en defensa da ría e do territorio están a sufrir por parte das forzas e corpos de seguridade ao servizo de proxectos privados, a defensa de Massó -convertida xa en símbolo da loita polo respecto á terra- seguirá viva e non permanecerá impasible ante calquera agresión.

Esta tarde, a rede Galiza Non Se Vende convoca a unha concentración en Cangas en apoio aos detidos, privados de liberdade por defender os valores da ría e o interese público; e por tentar impedir a execución dun proxecto ilegal, destrutor de postos de traballo e devastador do medio.

UNHA INOPERANCIA XUDICIAL SELECTIVA

Desde hai catro anos a Confraría de Pescadores "San José" de Cangas ten interposto un contencioso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra estas obras, que vulneran a concesión estatal que esta confraría ten para faenar nesas augas. Ese Tribunal denegou a paralización cautelar das obras, denegación que foi recorrida polo pósito cangués hai xa tres anos perante o Tribunal Supremo. Ambos os dous contenciosos dormen nalgún andel de tan altos tribunais. En troques, os xulgados son rápidos á hora de practicaren dilixencias contra os membros dos movementos sociais opositores ao proxecto.

SUBDELEGADO DO GOBERNO… OU GOBERNADOR CIVIL? DESTITUCIÓN

A Rede Galiza Non se Vende denuncia a utilización da Garda Civil como forza represora e policía privada ao servizo de intereses particulares, contrarios ao ben común, que destrúen a riqueza do noso mar e a nosa terra. Polo tanto, ESIXE A INMEDIATA DESTITUCIÓN DO ACTUAL SUBDELEGADO DO GOBERNO EN PONTEVEDRA, DELFÍN FERNÁNDEZ, por estes e por outros feitos xa anteriormente denunciados, intolerables nun estado pretendidamente democrático, que nos transportan a tempos pasados e o fan merecedor do antigo nome de "Gobernador Civil y Jefe Provincial del Movimiento".

A Rede Galiza Non Se Vende esixe, asemade, a inmediata paralización das obras e a retirada deste proxecto ilegal, fruto da especulación urbanística, que destrúe o medio natural; as actividades sustentables e os postos de traballo a elas asociadas; o patrimonio cultural e a identidade mesma de Cangas e de Galicia.