Coincidindo coa xuntanza do G-8 en L’Aquila (Italia) que trata de refundar o capitalismo, a Rede Anticapitalista (Ra!) convoca concentracións o xoves 9 de xullo en distintos lugares de Galiza. Desde a RA estamos convencidos que é un acto antidemocrático (neste club non teñen voz os pobos do sur), inmoral (pretende normalizar a situación previa para seguir especulando), ilegal (estase axudando a banca sen abrir procesos xudiciais por malversación de fondos e estafa) e sobre todo suicida (se restaura o modelo a crise financeira pode ser infarto ecolóxico).

Compostela, ás 21:00 horas na praza do Toural

Lugo, ás 20:00 horas na Praza Maior

Ourense, ás 20:30 horas na rúa do Paseo

Pontevedra, ás 20:00 horas na praza da Peregrina

Estamos diante da primeira crise da globalización pero sendo central a crise financeira estamos diante dunha crise estructutural de dimensión múltiples crise de traballo, de acceso aos alimentos, enerxética, medioambiental e financeira. As solucións que nos impoñen desde o poder –máis libre comercio, máis cartos públicos para rescatar os bancos, o sector automobilístico e inmobiliario, máis oligopolios, máis transxénicos, etc.– tratan de esconder que a crise é produto do sistema capitalista e do neoliberalismo, que só afondarán os seus impactos sobre os pobos, as persoas e sobre o conxunto do planeta.

Namentres se quere refundar o capitalismo se trata de ignorar a crise mais importante: o sistema asentado artificialmente sobre un modelo consumista insostible ten como único soporte o endebedamento, mentres que o medre da brecha entre ricos e pobres, a precariedade, a invisibilidade dos traballos realizados dende sempre por mulleres e o desregulamento laboral son concibidos como algo consubstancial ao propio sistema, un medio máis para manter e incrementar os beneficios duns poucos en detrimento das persoas.

Os países do Sur, seguindo as directrices do FMI, BM e OMC, foron forzados a liberalizar as barreiras comerciais, desregular os mercados financeiros e laborais, privatizar as industrias nacionais, abolir os subsidios e reducir o gasto social e económico. Unha ortodoxia que os “ricos” incumpren cando interesa e agora máis ca nunca. As estimacións acerca da cantidade de cartos que os estados empobrecidos perden por fuga de capitais e expatriación de ingresos impoñibles varía de 350.000 millóns a 500.000 millóns de dólares ao ano.

O FMI calcula que as perdas directas da crise financeira provocará a entidades de todo o mundo un monto de 1,4 billóns de dólares, pero as perdas económicas globais estímanse moito maiores.

Mentres o Goberno español poderá chegar a investir ata 150.000 millóns de euros para axudar á banca, o que destina a axudas contra o desemprego é 170 millóns de euros.

Xa sabiamos que o liberalismo actual era unha gran mentira: subvencións e axudas ás multinacionais do Norte e fortes aranceis aos pequenos produtores e produtoras. A libre circulación de capitais existía pero a libre circulación de traballadores e traballadoras era freada por centos de valados e muros. Agora descubrimos algo “novo” tras as operacións dos gobernos por rescatar os beneficios da banca: o liberalismo consiste na legalización do roubo.

É HORA DE ACTUAR

En xeral, a esquerda institucionalizada abandonou hai tempo os seus programas de transformación social, ben porque non quere ben porque non é quen de levar adiante propostas de cambio.

Somos os movementos sociais e as cidadanías de diferentes rexións do mundo os que temos dado a cara diante da incertidume. Primeiro poñendo en marcha un movemento de resistencia diante dos diferentes cumios dos amos do mundo. Segundo, xerando espazos de reflexión en diversos foros sociais. E, de seguro, artellando propostas programáticas de cambio como xa o están a facer as organizacións sociais e movementos cidadás en diversas partes do mundo.

Os movementos sociais e organizacións cívicas galegas coincidindo coas reflexión plantexadas no foro de Belem o pasado xaneiro temos decidido non so propor alternativas ou mobilizarnos senón artellar unha rede para a mobilización global que teña como elementos vertebradores:

  • Unha iniciativa plural e aberta a todas aquelas persoas e colectivos que queren impulsar un proxecto de cambio estratéxico sistémico.
  • Unha aposta transversal. Un dos grandes logros do sistema é a fragmentación de loitas. Faise necesario artellar redes globais e transversais de cambio.
  • Unha opción programática que teña como piares a radicalidade democrática, o modelo económico sustentable ao servizo das persoas en harmonía coa natureza e a xustiza social global. Unha proposta que busque solucións reais no decrecemento, a sustentabilidade e a soberanía alimentaria.

A crise económica mundial podemos e debémola converter nunha oportunidade histórica de transformación.
Formamos parte da RA organizacións que levamos anos combatendo as consecuencias do modelo inxusto, a pobreza e a destrucción do hábitat pero que agora queremos tamén combater conxuntamente as causas: e a causa e o capitalismo.
“NON IMOS PERMITIR QUE REFUNDEN O CAPITALISMO, MELLOREN OS SEUS BENEFICIOS E PISEN OS NOSOS DEREITOS.”