Segundo os datos facilitados a Verdegaia polo Ministerio de Medio Ambiente, o 83% das emisións galegas de gases causantes do cambio climático rexistradas en 2004 –último ano para o que hai datos oficiais dispoñibles, que se divulgan aquí por primeira vez- foron debidas á produción, transformación e consumo de enerxía. As centrais térmicas representaron nada menos que o 42% da contribución galega ao cambio climático.
A produción e transformación de enerxía (centrais térmicas, refinería de petróleo, combustión na industria, calefaccións,…) representou o 65 % das emisións de gases de efecto invernadoiro. O sector do transporte supuxo o 18 % das emisións, a maior parte procedentes do transporte por estrada, cuxa contribución ao cambio climático medrou espectacularmente nos últimos anos. O terceiro sector que máis gases de efecto invernadoiro emite é a agricultura e a gandería, cun 10 % das emisións totais.
As centrais térmicas de carbón son enormes fábricas de cambio climático cuxas elevadas emisións de dióxido de carbono (CO2), principal gas de efecto invernadoiro, apenas se reducirán coas reformas en marcha. En 2004, as emisións das centrais térmicas foron 2,4 veces superiores ás do transporte por estrada. A elevada produción de electricidade con combustibles fósiles, sobre todo con carbón (que achegou o 54% da xeración eléctrica neta en 2004) é o que máis está a afastar a Galicia do cumprimento do Protocolo de Quioto.
A produción eléctrica sucia das térmicas é a principal causa de que as emisións por habitante de Galicia (13,4 toneladas en 2004) sexan moi superiores ás medias de España (10) e da UE (10,9), que xa son moi elevadas.
O apoio político que reciben as centrais térmicas pon en evidencia o compromiso fronte ao cambio climático dos Gobernos central e galego. Así, a proposta de Plano Nacional de Asignación de Dereitos de Emisión (PNA) para o período 2008-2012 beneficia á produción eléctrica con carbón, asignándolle a nivel estatal case tres veces máis dereitos gratuítos de emisión de CO2 que a outras tecnoloxías menos emisoras, como os ciclos combinados con gas natural. O Goberno bipartito mantén o apoio á produción eléctrica con carbón da Xunta anterior. As Consellerías de Industria e de Medio Ambiente ignoraron a demanda de Verdegaia para que defendesen perante o Goberno central un PNA 2008-2102 que penalizase fortemente as centrais de carbón.
Verdegaia rexeita a compracencia cara as centrais térmicas galegas do Goberno galego, que apoia a ENDESA e a UNIÓN FENOSA para que reciban xenerosas asignacións de dereitos gratuítos de CO2. Ademais, non prevé reformar o imposto autonómico sobre a contaminación atmosférica para que grave tamén o CO2. Un Plano Galego contra o Cambio Climático como o anunciado pola Xunta, no mellor dos casos, só faría fronte ao 60% das causas do cambio climático en Galicia, ao ceder fronte aos intereses privados dos maiores contaminadores de Galicia.
Verdegaia propuxo á Xunta que un dos dez eixos prioritarios da futura Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentable (DS) sexa “combater o cambio climático”. A Estratexia Europea de DS sinala que a loita contra o cambio climático “proporciona oportunidades socioeconónicas importantes, contribuíndo para atenuar outras tendencias de carácter non sustentable”, por exemplo, a través da redución do consumo enerxético e do desenvolvemento das enerxías limpas. Neste senso, segundo un recente estudo do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDEA) do Ministerio de Industria, Galicia é, xunto con Canarias, a comunidade autónoma con peores niveis de eficiencia enerxética.
Gráficos emisións gases de efecto invernadoiro por sectores e por habitante en Galicia (2004).pdf