Cando se cumpren catro meses do accidente nuclear de Fukushima e cos reactores aínda fóra de control, comezan a calcularse as doses radiactivas que recibirá a poboación. Os resultados mostran que a evacuación se realizou de forma inapropiada e que miles de persoas van recibir altas doses radiactivas.
Cando transcorreron xa catro meses do accidente nuclear de Fukushima, comezan a calcularse as doses radiactivas que recibirá a poboación. Primeiro foi o DOE (Departamento de Enerxía de EUA), que calculou as doses recibidas polas persoas que habitan determinadas zonas do territorio no próximo ano. Recentemente apareceu un informe do IRSN (Instituto de Radioprotección e Seguridade Nuclear francés) que estimou as doses que recibirá a poboación nos próximos anos.
Ambos os dous informes coinciden en debuxar unha "pluma" de altas doses radiactivas, da orde de centos de mSv ao ano (1 milisievert ao ano é a máxima dose permitida en Europa para a poboación) a distancias superiores aos 80 km da central nuclear. Isto vén mostrar que tanto a zona de exclusión de 20 km, coma a de control de 30 km son absolutamente insuficientes e inadecuadas. Unha lección clave para os plans de emerxencia é que hai que ter en conta a dirección e velocidade do vento para realizar as evacuacións. Non abonda con trazar círculos concéntricos en torno á central, ou se se fai isto, hai que considerar distancias moito maiores do que se considera hoxe en día.
Segundo o IRSN, a poboación xaponesa que vive na zona contaminada, fóra da zona evacuada dos 20 km de radio, con maior ou menor grao de radiactividade, ascende a unhas 70.000 persoas que habitan unha extensión duns 874 km2 e entre as que figuran uns 500 nenos menores de 14 anos. Esta poboación supón o 26% da que habitaba perto de Chernóbil (unhas 270.000 persoas) e a superficie é o 8,5% da contaminada en Chernóbil (10.300 km2) para as mesmas doses.
Os cálculos do DOE contemplaban os isótopos de iodo e cesio, os do IRSN consideraron ademais deles o telurio, o rodio, o bario, o lantano e o niobio, o que agrava as doses radiactivas polo seu maior tempo de permanencia no organismo. O informe recoñece que as doses recibidas por esas persoas "son significativas" e terán efectos sobre a saúde.
Segundo Ecoloxistas en Acción, nestes momentos a nuclear de Fukushima segue sen estar controlada e continúase inxectando auga doce para refrixerar os reactores, o que incrementa o volume de residuos radiactivos a xestionar. A cantidade total cífrase nunhas 200.000 toneladas de auga contaminada. Estanse a ensaiar diversos métodos para facer precipitar os contaminantes, mais aínda sen ningún éxito.
Máis información:
Ciberacción: