A marcha en defensa do medio rural arrincará da Alameda ás 12:00 horas.
A plataforma ‘Por un monte galego con futuro’, integrada por organizacións ecoloxistas, sindicais e do mundo rural, convoca unha manifestación nacional este domingo 20 de outubro dende a Alameda de Santiago ás 12:00 horas en defensa dun medio rural vivo. Con esta mobilización quérese reclamar unha xestión sustentábel multifuncional do monte, o peche do ciclo produtivo forestal, que se poña freo ó monocultivo de eucalipto, máis prevención contra os lumes forestais e a protección do monte comunal e en man común.
As organizacións convocantes elaboramos unha proposta conxunta que cuestiona as medidas que se barallan na revisión do Plan Forestal que está a tramitar a Xunta e as contempladas na Estratexia Galega contra o Cambio Climático e arredor dela están a desenvolver unha campaña de sensibilización social que inclúe a mobilización deste domingo.
Dende ‘Por un monte galego con futuro’ entendemos que as medidas que propoñemos permitirían favorecer o papel dos ecosistemas forestais para, no actual contexto de mudanza climática, mitigar os efectos do quecemento global, mais non só como reservas de carbono, senón tamén como fornecedores de servizos ecosistémicos, como o mantemento da biodiversidade, a regulación do ciclo da auga, a fertilidade do solo, a capacidade de purificación da auga e do ar ou a loita contra a erosión, entre outros.
Eucalipto e especies de crecemento rápido
Por iso cuestionamos o recente borrador da Estratexia Galega contra o Cambio Climático no que “só interesa fixar máis carbono en máis madeira o máis rápido posíbel”, o que ao noso entender “potenciará o cultivo do eucalipto e doutras especies de crecemento rápido”. Especies que se ven ademais favorecidas, para o seu uso en repoboación, no Decreto 163/2014 do Estado español para a compensación e absorción de dióxido de carbono.
A este respecto lembramos que o recente informe do IPBES (Panel Internacional para a Diversidade Biolóxica, UNESCO) cifra en 290 millóns de hectáreas a superficie de bosques naturais perdidos no planeta entre 1990 e 2015, e en 110 millóns de ha o aumento das plantacións forestais no mesmo período. Por iso advertimos que “unha plantación forestal non pode ser considerada un bosque, emenos se se trata de especies invasoras e de crecemento rápido que, como os eucaliptos, empobrecen o solo e diminúen a biodiversidade. Nin sequera contribúen a fixar carbono neto ao favorecer as cortas en ciclos curtos para queimar en plantas industriais de biomasa”.
Plan Forestal: 35.000 hectáreas máis de eucalipto
Subliñamos que o Plano Forestal que está a tramitar a Xunta promove a ocupación de 35.000 ha máis de eucalipto sobre un exceso de 300.000 Ha con respecto á planificación anterior. Fronte a iso reclamamos que as Administracións galega e estatal aposten por unha planificación para o monte galego que teña en conta o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade e dos efectos do cambio climático, e que non se use isto como escusa para seguir potenciando as repoboacións con eucaliptos e outras especies invasoras.
Apostamos, ademais, polo peche do ciclo produtivo da madeira na Galiza, de xeito que cunha regulación do monte adecuada, que favoreza a biodiversidade, mais permita a explotación forestal ordeada, se recupere o tecido industrial que se dedicaba aos aproveitamentos forestais, algo que permitiría a recuperación de postos de traballo e a fixación de poboación no rural.
Anulación da actual proposta de revisión do Plan Forestal
As organizacións sindicais, ecoloxistas e do mundo rural coincidimos en valorar que na posta en valor do monte, de xeito multifuncional e sustentábel, ten incidencia a estrutura da súatitularidade. Lembramos que as recomendacións da FAO e da mesma Unión Europea indican que hai que camiñar cara unha tenencia máis xusta destas terras e cara á devolución destasás colectividades locais.
Fronte a isto denunciamos que ”en Galiza existe unha titularidade que xa cumpre estes preceptos, que son os montes veciñais en man común. Mais, o que fai o Partido Popular con este tipo de titularidade do monte é proceder á súa privatización”.
Por iso demandamos a anulación da actual proposta de revisión do Plan Forestal de Galiza e aelaboración dun novo documento que parta de información actualizada sobre a situación do monte galego, dunha participación equilibrada de todos os axentes sociais, e que siga como principios reitores a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais,a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social.