Ecologistas en Acción, Fundación Ecología y Desarrollo e Mediterrània-CIE elaboraron un documento que recomenda medidas de aforro e contratación para reducir o impacto ambiental das Administracións Públicas. Céntrase en tres sectores principais: a enerxía, os residuos e a agua.

As administracións públicas, directa e indirectamente, utilizan recursos e xeran residuos. A súa actividade ten, por tanto, un impacto ecolóxico. Pódese ter unha medida indirecta da súa potencial pegada ecolóxica reparando simplemente no volume de diñeiro que moven: o gasto do conxunto das administracións públicas europeas en contratación equivale ao 16% do Produto Interior Bruto (PIB) total europeo. E é diñeiro dos e das contribuíntes. Por iso, a confederación Ecologistas en Acción, Fundación Ecología y Desarrollo, e Mediterrània-CIE, elaboraron o documento “Recomendaciones para la Mejora del Comportamiento Ambiental de las Administraciones Públicas. Propuestas sobre Ahorro y Contratación” con medidas destinadas a mellorar o comportamento ambiental das administracións públicas. Este documento está dirixido desde a unha pequena biblioteca municipal dun barrio, até a un ministerio, pasando por colexios, universidades, polideportivos, piscinas, oficinas de emprego, oficinas de concellos, delegacións de Facenda, etc…

O documento céntrase en tres sectores principais: a enerxía, os residuos e a auga. Logo de expor os puntos principais da problemática de cada un destes aspectos, o documento establece unha serie de medidas que van destinadas en primeiro lugar ao aforro do recurso, e en segundo lugar a uns criterios de compra e contratación que reduzan o impacto ambiental. Así, no apartado de enerxía recoméndase optar por determinados sistemas de climatización, redeseñar a iluminación interior de acordo coas necesidades reais, optar por un alumeado exterior que evite a contaminación lumínica, ou elixir só aparellos electrónicos de alta eficiencia energética. Canto aos residuos, suxírense criterios de contratación dos servizos de limpeza, aconséllanse medidas para unha eficaz recolla selectiva e para reducir o volume de residuos proveniente do material de oficina e das máquinas expendedoras. Por último, no tocante á auga, o documento establece unha serie de recomendacións para instalar dispositivos de fontanería máis eficientes (reguladores de presión, billas, inodoros,…) así como para optar por unha xardinería de baixo consumo.

Segundo a Comisión Europea, se todas as administracións públicas comprasen electricidade procedente de enerxías renovables, aforraríase o equivalente a 60 millóns de toneladas de CO2. Do mesmo xeito, calcúlase que se as administracións optasen por inodoros e billas eficientes nos seus edificios, lograríase un aforro de 200 millóns de toneladas de agua. Os datos falan por si mesmos.

Para as tres organizacións responsables do documento, as administracións públicas deben dar exemplo de boas prácticas, xa que exercen de modelo de referencia e comportamento para outros actores socio-económicos. Paralelamente, optar por un modelo de contratación con criterios sostibles, irremediablemente acabará favorecendo aquelas actividades económicas más respectuosas co medio ambiente. As administracións públicas, como xestoras de fondos públicos, teñen ademais a responsabilidade de daren resposta á crecente sensibilidade ambiental dos consumidores e contribuíntes.

Máis información:

Descarga aquí "Recomendaciones para la mejora del comportamiento ambiental de las Administraciones públicas".