Somos conscientes da necesidade de depurar urxentemente os efluíntes que se verten sen tratamento previo ou de xeito deficiente ás rías de Ferrol e de Ares, máis isto non debería efectuarse a custa  de provocar un novo problema ambiental como aconteceu coa construción da E.D.A.R. no Cabo Prioriño (implicou a ocupación e a destrución dunha zona incluída na Rede Natura 2000 como L.I.C. "Costa Ártabra").Por este motivo, recomendamos que a depuradora se constrúa fóra do ámbito de ampliación da Rede Natura proposto pola Xunta de Galicia. Rexeitamos, ademáis, a instalación de colectores a través de zonas ambientalmente sensíbeis.

Dende Verdegaia advertimos que a construción da E.D.A.R. Sur en Punta Avarenta (Ría de Ares) afectaría ao L.I.C. "Costa Ártabra"; tanto no ámbito mariño como terrestre. Por unha parte, as obras de instalación do emisario submariño previsto afectarían aos hábitats bentónicos da zona mariña integrada no devandito L.I.C. que arrodea Punta Coitelada e, pola outra, a propia E.D.A.R. proxectada situaríase en terreos de ampliación da Rede Natura que a Xunta de Galicia está a promover nesta zona. Á previsíbel degradación e/ou destrución dunha parte dos hábitats mariños polas obras de instalación do emisario habería que engadir os posíbeis efectos negativos dos efluíntes que se vertan nesa zona sobre os organismos mariños calificados como de interese comunitario. Hai que destacar que o proxecto que nos ocupa carece dun Estudo de Impacto Ambiental que permita determinar todos os impactos ambientais derivados da execución do proxecto de saneamento para poder adoptar as medidas correctoras oportunas.

O colector xeral de gravidade proxectado entre o alto de Simou e a zona de Maiobre (Concello de Ares) atravesaría unha ampla zona agreste constituida por masas arbóreas caducifolias e brañas (Rega da Fraga, etc.) de alto valor ecolóxico, para o cal se construíría un novo vial de seis (6) metros de ancho. Asemade, preténdese construír outro novo vial, de tres (3) metros de ancho (que no proxecto denominan "senda peonil"), paralelo á ribeira norte da Ría de Ares. Noutros casos, como o dos colectores secundarios entre Maiobre e o Porto de Ares, preténdese ampliar a dez (10) metros o ancho do vial polo que discorrerían; o que conlevaría a incrementar o tránsito rodado por este trazado costeiro xa existente. 

Desde Verdegaia, solicitamos que todos os colectores proxectados (incluído o colector xeral) discorran na súa integridade sobre estradas, camiños e pistas forestais existentes, mesmo que haxa que incrementar o número de bombeos, co obxecto de non afectar a determinadas zonas ambientalmente sensibeis como masas arbóreas autóctonas e brañas, principalmente; as cales atópanse moi ameazadas polo irracional e imparábel avance urbanístico.

Ademais non consideramos axeitado que se incremente o ancho dos viais existentes baixo os que se instalarían os colectores previstos, especialmente daqueles camiños que discorren paralelos á costa.  Por todo o anterior, vimos de presentar alegacións ao "Anteproxecto correspondente ao Contrato de Concesión de Obra Pública de Actuacións de Saneamento na Zona Norte da Ría de Ares e na Zona Sur da Ría de Ferrol"

EDAR: Estación Depuradora de Augas Residuais.

LIC: Lugar de Importancia Comunitaria.