Galicia está a sufrir unha nova vaga de lumes. Dende o venres 14 ata o mércores 19 de outubro lévanse queimado oficialmente a lo menos 6.000 ha. A espera de datos definitivos semella que a superficie real é moito maior, incluso podería duplicarse. A maioría dos lumes afectaron a provincia de Ourense, destacando os grandes lumes forestais de Lobios, con a lo menos 1.000 ha, e o de Manzaneda, con a lo menos 1.800 ha. Estes lumes arrasaron zonas de grande interese ecolóxico, afectando a espazos protexidos como a Reserva da Biosfera Xurés-Gerês, e varios espazos da Rede Natura 2000 como a Baixa Limia- Serra do Xurés ou o Macizo Central.
Un ano máis desgraciadamente ponse de manifesto a falta de planificación e previsión, desorganización e inoperancia da política de prevención e extinción de lumes forestais da Consellería de Medio Rural, dirixida por Samuel Juarez, e da Dirección Xeral de Montes, dirixida por Tomás Fernández-Couto. Eles desmantelaron desde mediados de setembro o operativo de incendios, estando en outubro a metade dos seus efectivos. Cando a situación de falta de chuvias que persistía desde a primavera e a previsión dun outono pouco chuvioso e cálido, aconsellaba ampliar a época de alto risco e manter a tódolos traballadores.
Reclamamos unha verdadeira política de prevención de lumes o longo de todo o ano, e non so centrada na extinción nos meses de verán. E esiximos a profesionalización do persoal de prevención e extinción de lumes, dotándoo de formación e material adecuado, e de traballo durante todo o ano.
Verdegaia denuncia a reiterada falta de información e transparencia da Xunta. Só informa dos lumes de máis de 20 ha, e os datos aportados son escasos e confusos, o que leva a unha xa común loita de cifras entre a Consellería de Medio Rural e asociacións ecoloxistas, Alcaldes e neste caso incluso brigadistas do dispositivo de extinción.
Recordamos que tan importante como a superficie queimada é o valor ecolóxico das hectáreas queimadas. É un auténtico drama que un país onde soamente está protexido o 11,6 % da súa superficie (fronte o 27 % de media estatal) se queime parte da pouca superficie protexida que temos, e se careza dun operativo especial na rede de espazos protexidos.
A alta intencionalidade nos lumes non é unha excusa trala que se poden agochar os nosos políticos. Destacamos que a intencionalidade nos lumes en Galicia non é algo novo deste ano, e é de sobra coñecido e con datos da propia Consellería de Medio Rural que os lumes intencionados supoñen máis do 80% ano tras ano. O que pon de manifesto a mala xestión da Consellería que non consegue reducir esta porcentaxe.
A actual política forestal debe mudar cara a xestión sostible dos nosos montes, potenciando a multifuncionalidade fronte a produción intensiva monoespecifica de eucaliptos e piñeiros, revitalizando o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común como vertebradores do tecido social no rural. Pero a Xunta xa mostrou no borrador da nova Lei de Montes que non ten pensado seguir este camiño.
Demandamos ademais unha rápida actuación preventiva nas zonas afectadas, para evitar a erosión do solo e inundacións coa chegada das chuvias, como pasou no outono do 2006, empregando métodos e medios que non agraven o dano. Son necesarios plans de restauración para todas as zonas queimadas, con especial interese nos espazos naturais protexidos e controlar o acceso do gando cando menos nos dous anos posteriores ao incendio