O  documento que presentou o  Goberno como base das negociacións para atinxir  un Pacto de Estado para saír  da crise deixa fóra, unha vez máis, a Natureza. A confederación estatal Ecoloxistas en Acción  pregúntase cómo se vai acadar ningún pacto con pretensións de continuidade se se deixa fóra a base da vida.

Ecoloxistas en Acción lembra que  a nosa vida depende da Natureza. A biodiversidade facilítanos unha grande cantidade de servizos básicos como a auga limpa ou medicinas.

Do subsolo obtemos recursos enerxéticos e minerais non renovables. E sobre el, se o tratamos con mimo, podemos cultivar os nosos alimentos durante millóns de anos. Unha atmosfera equilibrada purifica o noso aire, protéxenos das radiacións ultravioleta e, a través dela, lévanos unha fonte de enerxía inesgotable desde o punto de vista humano: a solar.

Desde esta perspectiva é un sensentido o documento que presenta o Goberno para iniciar as negociacións que poidan desembocar nun Pacto de Estado contra a crise. No documento non se considera nin remotamente que dependemos da Natureza para a nosa sobrevivencia, senón que se entende como un elemento a explotar.

Deste xeito apóstase por unha maior internacionalización da nosa economía, o que conleva, inevitablemente, un maior consumo enerxético, un incremento da emisión de gases de efecto invernadoiro e a construción de novas infraestruturas que esnaquicen aínda máis o territorio e contribúan á perda de biodiversidade.

En liña con esa medida, o documento fala do desenvolvemento do modelo aeroportuario, portuario e a intermodalidade. Estas medidas son parte do Plan Estratéxico de Infraestruturas de Transporte (PEIT), que tan nefastas consecuencias está tendo cos seus 6000 km de autovías e 9000 km de alta velocidade.

No plano enerxético, o Goberno segue sen afrontar o grande desafío que temos por diante: reducir o noso consumo e desterrar as enerxías sucias do noso mix (as fósiles e as nucleares). Con medidas como a construción do ATC, o Goberno deixa claro que non está disposto a deixar de destruír as bases que sosteñen a vida.

Tanto o que se propón do turismo, como o que atinxe á empresa, o obxectivo é o crecemento. Un crecemento que empapa todo o apartado de competitividade e emprego. Un crecemento que, nun planeta finito, é imposible manter de forma indefinida e sen destruír as bases naturais que sosteñen a nosa existencia.

A política industrial aposta, como medida salvadora, polo coche eléctrico. Mais o coche eléctrico non está nada claro que conteña as emisións de gases de efecto invernadoiro da automoción, que se duplicaron desde 1990. Por non falar de que todo o resto de impactos do coche fican sen solución: sinistralidade, necesidade de grandes infraestruturas, modelo urbanístico… A única política posible é a redución da mobilidade.

Por último, Ecoloxistas en Acción tamén quere chamar a atención sobre os aspectos financeiros do documento, coma o FROB, que supoñen que se sigan destinando fondos públicos para apoiar a banca privada, en lugar de os encamiñar á  necesaria reconversión da economía española cara á sustentabilidade.

En definitiva, para a organización ecoloxista o Pacto de Estado que se propón debería ser, en realidade, un novo Contrato Social entre o ser humano e a natureza que procurase a xustiza social en paz co planeta.