As especies invasoras esténdense polas marxes do río Louro colonizando lugares onde antes medraban especies autóctonas

Durante o roteiro de identificación de especies invasoras que organizamos o Domingo 1 de maio no río Louro constatamos dous aspectos de especial gravidade:

  • a extensión descontrolada de especies como a Reynoutria (Fallopia japonica) e a Orella de gato (Transcantia fluminensis);
  • a nefasta xestión por parte dos servizos de mantemento.

Orella de gato

Localizamos varios puntos colonizados pola Orella de gato nos que poucos días antes se tiñan realizado tarefas de corte, puidemos observar atónitos como grandes masas desta especie tiñan sido cortadas como se se tratara de céspede.

Esta especie caracterízase pola facilidade coa que enraíza a partir de anacos de talo de apenas dous centímetros. Ademais, pola súa baixa densidade, flutúa facilmente na auga polo que un pequeno fragmento de talo pode enraizar facilmente augas abaixo.

É unha especie incluída no Catálogo español de Especies exóticas invasoras e esixe un tratamento especial para mitigar unha extensión que a día de hoxe semella imparable.

Reynoutria

Máis grave aínda é a xestión realizada coa Fallopia japonica, unha especie que se ven estendendo polas marxes do río Louro en boa medida por actuacións como a que puidemos observar neste roteiro.

As imaxes reflicten a evolución dunha planta que foi cortada en Novembro sen ningún tipo de precaución. A UICN (Unión internacional de conservación da natureza) incluíu esta planta entre as cen especies invasoras máis perigosas pola capacidade de reprodución vexetativa e pola complexidade que supón a extracción do seu rizoma, un órgano subterráneo que alcanza unhas dimensións e fortaleza de tal orde que permite que os talos desta planta poidan agromar atravesando ata cinco centímetros de asfalto.

As Especies exóticas invasoras (EEI) son a segunda principal causa de perda de biodiversidade, xusto despois da destrución de hábitats. E a actual situación de descontrol esixe a participación activa da Administración tanto na recuperación do territorio como na concienciación da poboación sobre os danos que provoca.