Hai dúas semanas recibimos un convite para colaborar no proxecto denominado ‘A hora do planeta’, rexeitamos o convite. O motivo?
A iniciativa, apagar as luces durante unha hora, semella positiva como instrumento para concienciar a poboación sobre a problemática do consumo enerxético e da contaminación lumínica que tanto dano provoca tanto en persoas e animais e que nos impide gozar dun ceo estrelado.
Pero observando a lista de empresas e administracións participantes decatámonos de que esta iniciativa vai ser aproveitada por algunhas das organizacións máis contaminantes para lavar a súa imaxe.
O lavado verde é unha práctica de publicidade que ten como obxectivo transmitir unha imaxe ilusoria da responsabilidade ecolóxica dunha organización.
Os actuais discursos sobre ‘transición verde’, ‘sustentabilidade ecolóxica’ ou ‘loita contra a mudanza climática’ non son máis que un lavado de imaxe para conter a contestación social que provoca a actividade de organizacións que seguen destruíndo o medio natural.
Entre os participantes atopamos empresas pertencentes a sectores altamente contaminantes e administracións que seguen gastando o orzamento público en investimentos nada respectuosos co medio ambiente.
Empresas de telecomunicacións
Economía circular vs. Promoción da minaría salvaxe
Estas empresas incorporaron ao seu discurso a expresión ‘economía circular’ cando supoñen un dos principais sectores responsábeis polo crecemento da minaría e da corrida ás chamadas ‘terras raras’. Os dispositivos electrónicos incorporan materiais escasos e difíciles de obter, cuxa extracción supón o movemento de enormes cantidades de terra (destrución de hábitats), e o uso de sustancias químicas (contaminación de terras e ríos).
Empresas eléctricas
Enerxía renovable vs. Especulación eólica
Tal e como está concibida, a implantación masiva de parques eólicos na Galiza non responde a un proceso ordenado de transición ecolóxica, carecendo dunha estratexia de cara a acadar a descarbonización da economía e reducir a dependencia das enerxías fósiles.
A falta dun plan eólico enmarcado na transición ecolóxica está a permitir ademais que as grandes industrias contaminantes se reconvertan ao negocio eólico sen ter reparado previamente a súa débeda ecolóxica nin ofrecer alternativas ao impacto social xerado.
Sector da Alimentación
Uso de plástico 100% reciclado vs. Envases dun só uso
A utilización masiva de envases dun só uso mantense en grande medida pola presión das principais empresas do sector. Élles moito máis barato introducir no mercado envases de usar e tirar en lugar de establecer un sistema de retorno que permita a reutilización.
A situación cambiará a partir de 2026, cando será establecido un sistema de recollida de envases, un cambio que vén dado pola nova lexislación, non por unha iniciativa empresarial en prol dunha redución dos residuos. É máis, esa obriga legal deriva dos resultados dunha auditoría pública que verificou como as principais empresas estaban manipulando os valores reais da reciclaxe deses envases.
Industria téxtil
Roupa ‘eco’ vs. Condicións de traballo precarias
É a segunda industria máis contaminante do planeta, responsable do 20% da contaminación de augas e do 10% das emisións de gases de efecto invernadoiro: a produción duns vaqueiros necesitan unha cantidade de auga equivalente á que unha persoa consome en 7 anos.
A chegada de empresas chinesas de fast fashion está promovendo, aínda máis, o consumo de roupa de usar e desbotar. Resulta atraente aos consumidores polo baixo prezo pero está elaborada con materiais sintéticos de baixa calidade, é dicir, estráganse facilmente e son máis contaminantes: roupa nova e barata pero insustentable (condicións laborais precarias, miles de quilómetros de transporte, fibras sintéticas obtidas do petróleo,…)
Administracións
Loita contra a Mudanza climática vs. Construción de autoestradas
Absolutamente todas as administracións anuncian constantemente que toman medidas contra a Mudanza climática pero ao mesmo tempo anuncian a construción de vías de alta capacidade e compiten entre elas por ter o aeroporto con máis pasaxeiros ou o porto con máis megacruceiros cheos de turistas.
A actual crise ambiental levou a que vocábulos como ‘sustentabilidade’, ‘ecoloxía’ ou ‘medio ambiente’ estean de moda, e ,como todo que é tendencia, é aproveitado polas grandes empresas para tentar aumentar as súas vendas. Cábenos, como consumidores, analizar e ser críticos cos discursos que nos presentan.
O consumo responsábel non é a “solución total” mais si unha ferramenta importante na que cada un de nós, mediante os nosos hábitos de consumo, podemos contribuír para o avanzo dunha verdadeira sustentabilidade ecolóxica e xustiza social.



