Verdegaia compareceu onte perante a Fiscalía de Medio Ambiente para lle apresentar un informe no que analisa a vertedura de resíduos industriais con componentes canceríxenas nunha antiga mina do lugar da Brea en Carballo. Mais de 20.000 tm de escouras de silicomanganés procedentes da fábrica de Ferrotalántica en Cee foron soterradas no ano 2006 na Brea; e en contra de todas as disposicións legais e mália a apertura de expedientes en diferentes instancias, continua hoxe a vertedura de lixiviados aos ríos e fontes, ás explotacións agrogandeiras, e mesmo a dúas piscifactorías de troita da contorna.

Os mesmos materiais xa foran causantes dun grave episodio de contaminación na ría de Corcubión que provocou un nível de canceríxenos nos moluscos 35 veces superior ao limiar máximo admitido pola UE. O grupo Ferroatlántica, do industrial madrileño Villar Mir e baixo o lema "natureza en positivo", declaraba aquel ano uns beneficios de 135MM€, porén resistiuse a investir nunha planta de tratamento das perigosas substancias e optaba por agochar o refugallo nun monte a través do seu parceiro Desguaces Lema S.L. que foi imputado por delito ecolóxico.

CLAROS INDICIOS DE DELITO ECOLÓXICO, E PREVARICACIÓN NA XUNTA
 
O fiscal do ambiente de Galiza, Alvaro García Ortiz, recoñeceu na reunión de hoxe que os indicios de delito ecolóxico son claros e que proceden de contado dilixencias para reabrir o expediente xunto con outro novo que investigará se houbo prevaricación por parte de Joaquín Lucas Buergo del Río, alto cargo da Xunta, que en 2008 respondía ao xuiz cun informe que ocultaba toda a información relevante e que dou pé ao escandaloso arquivo da causa.

RESOLUCIÓN ANTE CONTAMINANTES QUE SEGUEN A IR Á CADEA TRÓFICA

Verdegaia exixe que se chegue ao fondo do asunto, e encamiñou ao fiscal a preocupación expresada pola viciñanza nunha asemblea celebrada en Carballo a semana pasada onde se preguntaba con anguria se se podía beber a auga dos pozos e as fontes, se se podía acomerar o gando nas leiras regadas polo lixiviados, ou mesmo se era seguro consumir as troitas que se estaban a producir nas piscifactorías. Os informes da UE estabelecen claramente que esta familia de substancias mutaxénicas son transportadas nas augas e acumuladas nas graxas dos seres vivos como os peixes ou os mamíferos, chegando por esta vía a producir graves patoloxías no ser humano e o ecosistema. 

Agárdase que nesta ocasión, a cobiza das grandes empresas que impunemente están a magoar o noso ecosistema e a nosa saúde, receba certeiramente o peso da lei, restaurándose o medio natural e estabelecendo as correspondentes sancións penais. 

pdf Informe sobre as escouras de Brea